Ourense conta cunha nova estación depuradora, na que se investiron máis de 59 millóns de euros

Compartir

  • Manuel Baltar participou xunto á ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, no acto de inauguración e na visita ás novas instalacións, ubicadas en Reza.

Ourense, 26 de xullo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na inauguración e na visita ás instalacións da nova estación depuradora de augas residuais de Ourense (EDAR), ubicadas en Reza, unha obra que supuxo un investimento de 59,3 millóns de euros, acometida con fondos europeos, e que permitirá tratar as augas residuais dunha poboación equivalente de 350.000 habitantes. A nova instalación ten unha capacidade para tratar un caudal medio de 72.000 metros cúbicos ao día, o triplo da capacidade da anterior planta.

O presidente do goberno provincial afirma que Ourense, "como a provincia da auga", destaca cunha instalación innovadora e respectuosa medioambientalmente, "un respecto pola auga que mantemos no saneamento e tamén no termal, un ámbito este que nos singulariza e que nos define como unha potencia mundial, e o que seguiremos promovendo e proxectando".

A nova EDAR ten un deseño que, ademais de garantir, o cumprimento dos requisitos de vertido, posibilita a súa adaptación á orografía, conseguindo unha redución tanto do movemento de terras e da afectación medioambiental. O tratamento novidoso desta estación depuradora é un proceso de hidrólise térmica que por medio de altas presións e temperatura consegue un mellor aproveitamento enerxético dos lodos, reducir a súa produción e poder utilizar os nutrientes destes lodos na agricultura.