Ourense foi a provincia protagonista no V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais, celebrado en Sevilla
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu en Sevilla ao V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais onde Ourense foi unha das provincias protagonistas desta edición contando no acto inaugural coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Co alcalde de Sevilla, Juan Ignacio Zoido, actuando como anfitrión, ademais de Manuel Baltar asistiron ao evento, neste caso en representación de Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acompañado polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.
Manuel Baltar destacou as singularidades da provincia de Ourense e a súa riqueza cultural e etnográfica, dous elementos que conforman o cerne da Real Banda que coa súa actuación abriu os actos conmemorativos do Encontro nesta edición na capital hispalense. "Os 92 concellos da nosa provincia, cada un deles coa súa especificidade cultural e histórica, fan que Ourense sexa un exemplo de colaboración e cooperación entre administracións, un camiño que temos que percorrer xuntos todas as administracións para sermos máis eficientes e seguir progresando".
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia dixo que hai que traballar "en sentido de país, con vontade de unidade e por obxectivos comúns". Núñez Feijoo e o alcalde de Sevilla, Juan Ignacio Zoido, presidiron o acto institucional que, co título "España en Sevilla", expón a cultura, as tradicións e a gastronomía das diferentes rexións de España. A edición deste ano está dedicada a Galicia, pois en Sevilla residen máis de 4.000 galegos.