Ourense, protagonista no ámbito termal da FEMP co nomeamento de Gabriel Alén como vicepresidente nacional das "Vilas Termais"

Compartir

  • O alcalde de Cenlle agradece ao presidente Baltar o apoio para este nomeamento, "nun momento clave para o termalismo, cos novos retos aos que se enfrontan as vilas termais desde o punto de vista turístico, de saúde e no que supón de impulso para o reto demográfico", afirma.

  • O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na sede da FEMP, en Madrid, na Xunta de Goberno desta entidade, que nomeou a Manuel Baltar membro do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos, organización que traballa na defensa do ámbito local.

  • Na reunión de hoxe tratáronse tamén temas relativos aos orzamentos da FEMP para 2020; convenios de colaboración nos ámbitos sociais e sanitarios, e cuestións relativas ás rede de Cidades Saudables e de Entidades Locais pola Transparencia e a Participación Cidadá.

Ourense, 17 de decembro de 2019.- A provincia de Ourense destaca no seu protagonismo no ámbito termal da FEMP co nomeamento, hoxe, de Gabriel Alén, alcalde de Cenlle, como vicepresidente nacional da sección de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias. O acordo, dado a coñecer esta mañá na sede da FEMP en Madrid, sitúa a un representante ourensán na entidade máis importante do municipalismo español referida ao ámbito termal, un nomeamento que Gabriel Alén agradece ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, polo seu o apoio para esta designación, "que chega nun momento clave para o termalismo, cos novos retos aos que se enfrontan as vilas termais desde o punto de vista turístico, de saúde e no que supón de impulso para o reto demográfico", afirma Gabriel Alén.

O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na sede da FEMP, en Madrid, na Xunta de Goberno desta entidade, onde se constituíu o Consello Territorial da FEMP e onde se deu a coñecer, ademais, o seu nomeamento como membro do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos, unha organización que traballa na defensa do ámbito local a nivel internacional, "na liña do que vimos reivindicando na Unión Europea a prol dos territorios locais e provinciais, para desenvolver políticas de "acción directa" que xeren maior competitividade", expresa Manuel Baltar, salientando o acadado hai meses –obxectivo cumprido por Bruxelas- no relativo a que non se reduzan os Fondos de Cohesión e para que exista unha "maior igualdade territorial" sendo as provincias destinatarias directas dos fondos, tal e como lle trasladara Baltar ao vicepresidente do Parlamento europeo e ao presidente da Comisión Europea, na súa calidade de presidente de Partenalia, a rede europea de gobernos provinciais.

Neste sentido, a unidade de acción do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais vén referendado polo feito de que en España está integrado, ademais de polos presidentes da deputacións de Ourense e Barcelona, por alcaldes como os de Vigo, Bilbao, Huelva, Granollers e Terrasa, un labor conxunto que levan a cabo nos ámbitos do medio ambiente, o reto demográfico, a cooperación institucional, a cultura ou o partenariado estratéxico na Unión Europea.

Na reunión de hoxe da Xunta de Goberno da FEMP tratáronse tamén temas relativos aos orzamentos da entidade para 2020; convenios de colaboración nos ámbitos sociais e sanitarios, e cuestións relativas ás rede de Cidades Saudables e de Entidades Locais pola Transparencia e a Participación Cidadá.

Una xuntanza que para Ourense tivo un marcado carácter termal e institucional polo que supón o nomeamento de Gabriel Alén, na liña do labor que vén desenvolvendo Manuel Baltar na promoción, difusión de realización de proxectos e políticas a prol dos territorios termais do rural, un traballo que cobra un novo impulso coa recente elección de Baltar como presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), na que se marca como obxectivo "a posta en valor do termalismo a necesidade de implementar e apoiar as políticas de promoción termal na UE e en todos os foros internacionais, así como promover ás vilas termais de Europa como dinamizadoras económicas, sobre todo no rural", afirma Manuel Baltar.

Neste ámbito desenvolve o seu labor o Consello Termal Ourensán, o órgano que ten a función de velar polo cumprimento do plan "Ourense, a provincia termal", unha iniciativa promovida pola Deputación de Ourense, que desenvolven conxuntamente o goberno provincial e a Xunta de Galicia, e que centra o seu traballo nestes últimos meses no proxecto de lei de aproveitamento lúdico de augas termais aprobado polo Consello da Xunta o pasado 1 de agosto, un proxecto que converte a Galicia en pioneira na regulación desta materia e que vela por garantir a hixiene e a salubridade dos aproveitamentos turísticos de augas termais, blindando a súa sustentabilidade medioambiental, protexendo a integridade patrimonial do entorno e promocionando o desenvolvemento económico e social dos concellos termais. Precisamente, os obxectivos desta regulación permitirán completar o mapa termal galego, ofrecendo novas oportunidades para atraer un maior volume de turistas, desenvolvendo o medio rural e creando novos postos de traballo, un ámbito no que a provincia de Ourense ten un especial protagonismo.