"OurensenCírculo" amosa o potencial da provincia para o emprendemento empresarial
- Deputación de Ourense, Inorde e Círculo de Empresarios de Galicia organizan este evento, cuxo obxectivo é impulsar estratexias para emprendedores e aproveitar sinerxías das empresas do sur de Galicia.
Ourense, 26 de xuño de 2018.- A Deputación de Ourense, o Inorde e o Círculo de Empresarios de Galicia organizan unha semana de actividades centradas no emprendemento e no mundo da empresa, "OurensenCírculo. Empresa actual", co que pretenden afondar no potencial da provincia de Ourense e aproveitar a sinerxía das empresas do sur de Galicia para afrontar problemas comúns. O vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, foi o encargado de presentar a primeira das actividades desta iniciativa no espazo La Molinera: unha "StarUp Café" sobre consellos para emprendedores, investidores e StarUps a cargo do CEO e Cofundador de StarUpXplore, Javier Megías.
No acto tamén participou o concelleiro de Promoción Económica de Ourense, Jorge Pumar; e o xefe de zona de Ourense Centro de Abanca, Enrique Romero; e do representante de Conector, Lalo García.
Esta iniciativa, froito da colaboración destas tres institucións, persegue fortalecer as relacións empresariais no sur de Galicia, e prolongarase durante o presente ano con actividades vencelladas co emprendemento, o investimento, a xestión empresarial, a innovación, a transformación dixital e as novas estratexias comerciais.
Baixo o formato de "StarUp Café", estes encontros empresariais teñen como invitados a emprendedores de éxito para que conten as súas experiencias. Mañá mércores, 27 de xuño, será a quenda para Rocío Rial e Javier Mazario, socios directores de Coach Líder, quen, a partir das 9.00 horas, na sede de Afundación Ourense, falarán sobre o "Despertar dos talentos" e, ao día seguinte, ás 19.00 horas, Pablo Campos Beneite, director d´Ventas Consultores e socio en Beneite Inmobiliaria, falará das dez claves para a creación e dirección do equipo comercial. Estas actividades son de acceso público e gratuíto, con inscrición previa.