Pablo Pérez visita as zonas afectadas pola vaga de lumes en Carballeda de Avia

Compartir

Ourense, 25 de outubro de 2017.- O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, visitou hoxe as zonas afectadas pola vaga de lumes en Carballeda de Avia, a raíz da solicitude de colaboración que fixeron á Deputación de Ourense as asociacións de veciños de Muimenta e Abelenda. Pablo Pérez asegurou que o ente provincial "porá a disposición delas os mecanismos dos que dispón para paliar estes problemas máis inmediatos: os arquitectos da Deputación para a rehabilitación das vivendas, os servizos do Inorde para a elaboración de estudos de recuperación do monte e tamén poremos a disposición dos veciños a maquinaria para recuperar as captacións e traídas de augas, e evitar que as posibles choivas do inverno provoquen riadas e que as cinzas danen máis os mananciais ou mesmo inunden os pobos; tamén sufragaremos os gastos que supón restituír esas traídas de auga".

Esta acción inscríbese no marco de actuacións que a Deputación de Ourense puxo en marcha "para dar unha resposta inmediata aos veciños afectados polos incendios, sendo a primeira deputación en tomar medidas para paliar os danos e as necesidades dos veciños da provincia de Ourense", sinalou o deputado provincial de Cooperación.