Pleno extraordinario da Deputación de Ourense para a organización da corporación, órganos colexiados, dedicacións e persoal

Compartir

Ourense, 3 de agosto de 2023.- A corporación provincial de Ourense celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria, a primeira logo do pleno de constitución do pasado 17 de xullo, para aprobar as propostas correspondentes á periodicidade e datas dos plenos e órganos colexiados, ademais das súas competencias, representacións noutras institucións e entidades, o réxime retributivo das deputadas e deputados e maila relación de persoal eventual para o mandato recen iniciado.

Os acordos adoptados na sesión foron os seguintes:

Pleno

As sesións ordinarias terán periodicidade mensual, celebrándose o último venres de cada mes a partir das 10.00 horas. No caso de coincidir en festivo ou de non celebrarse por calquera outra causa, a convocatoria pasaría ao luns seguinte ou o primeiro día hábil posterior.

O Pleno poderá modificar a data das sesións ordinarias tralo informe da Xunta de Portavoces, mentres que a Presidencia poderá suspender a convocatoria e celebración do pleno ordinario de agosto debido ao período de vacacións, sen prexuízo da convocatoria de sesións extraordinarias segundo establece a lei.

Xunta de Goberno

As sesións terán periodicidade semanal, correspondéndolle á Presidencia fixar, mediante decreto, o día e hora en que se celebrarán.

Comisións informativas

No mandato 2023-2027, a Deputación de Ourense terá as seguintes comisión informativas:

• Administración provincial, Transparencia e Emerxencias

• Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos

• Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural

• Políticas Sociais

• Turismo,Termalismo e Medio Ambiente

• Cultura, Educación, Deportes e Mocidade

As tres primeiras convocaranse para os mércores, ás 17.00 horas, na semana anterior á celebración dos plenos, e as tres seguintes celebraranse os xoves á mesma hora.

Cada comisión estará integrada por catorce membros, distribuídos do seguinte modo: 6 representantes do PP; 4 do PSOE; 2 do BNG; e outros 2 de Democracia Ourensana.

O presidente nato de todas elas será o presidente da Deputación, que poderá delegar esta representación. De ser así, nomearase outro representante do grupo popular. Cada grupo político designará aos seus membros en cada comisión.

Representacións da Deputación noutros organismos

Os cargos e representantes da corporación provincial nos distintos organismos e entidades onde ten presenza queda do seguinte modo:

Inorde:

Presidente: Rosendo Fernández Fernández.

Un deputado provincial: Plácido Álvarez Dobaño.

Un representante doutras organizacións empresariais diferentes da CEO: Santiago Ferreiro, presidente da Asociación de Construtores de Ourense.

Catro vogais: Susana Rodríguez (deputada do PSOE); Xosé Manuel Puga (BNG); Rafael Martínez Cachafeiro (DO); e Aurelio Gómez Villar.

Consorcio provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e de Salvamento

Plácido Álvarez Dobaño (PP) como primeiro representante titular e José María Lago (PP) como suplente; Aurentino Alonso (PSOE) como segundo representante titular e Bernardo Varela (BNG) como suplente. O secretario da xunta xeral será Juan Marquina, secretario xeral da Deputación, e o suplente Adamantino Barreiro.

Comisión liquidadora de Urbaourense

Por parte da Deputación: Plácido Álvarez Dobaño (PP) como presidente; Diego Fernández (PSOE); María José Mangana (BNG); e Rafael Martínez Cachafeiro (DO), como vicepresidente.

Persoas con especial cualificación técnica: M.ª Ángeles Cantón Álvarez; Marta Docampo; Antonio Carlos Sánchez; Eva Reza; e Begoña Álvarez. O secretario titular será Juan Marquina e suplente Adamantino Barreiro.

Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense

A Deputación estará representada polo seu presidente, Luis Menor, en calidade de vicepresidente terceiro do padroado, e Rosendo Fernández como vogal.

Delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno

Co fin de axilizar a tramitación da toma de decisión considérase conveniente a delegación de atribucións do Pleno na Xunta de Goberno, que terá así entre outras competencias o exercicio de accións xudiciais e administrativas; a concertación das operacións de tesourería; as contratacións, concesións, adquisicións e alleamento de bens e dereitos; ou a fixación dos prezos públicos polos distintos servizos que preste a Deputación. Incorpóranse como novas competencias a solicitude de subvencións a outras administracións e entidades públicas ou a autorización ou denegación de compatibilidade do persoal ao servizo da entidade local para un segundo posto ou actividade no sector público.

Modificación do título VI, bases 87 a 97, do orzamento

Este punto recolle ás retribucións e indemnizacións dos membros da corporación e grupos políticos. Segundo a proposta aprobada, as dietas por asistencia a pleno serán de 350 euros, cun máximo dunha percepción por mes. A dieta por asistencia ás sesións da Xunta de Goberno e das Comisións Informativas será de 200 euros.

As subvención aos grupos políticos inclúen un compoñente fixo de 1.500 euros mensuais a cada grupo, e un variable de 1.100 euros mensuais por cada deputado.

Réxime retributivo e de asistencias dos corporativos para o mandato 2023-2027

• Presidencia da Deputación: retribución bruta mensual de 5.166,09 € en 14 pagas.

• Vicepresidencia 2ª e 3ª: equivalente á dun director xeral da Comunidade Autónoma.

• Presidencia do INORDE: 3.916,92 euros.

• Ata un máximo de tres cargos de deputado delegado de área: 48.000 euros brutos anuais.

Os grupos políticos definirán os cargos con réxime de dedicación exclusiva ou parcial, cos seguintes límites: PP, 2 dedicacións exclusivas: PSOE, 3; BNG, 2; e DO, 1. A retribución en réxime de dedicación exclusiva será de 41.000 euros brutos anuais.

Modificación da relación de postos de traballo de persoal eventual

O cadro de persoal eventual modifícase, aumentando o número de postos destinados aos grupos políticos provinciais, coa conseguinte redución nos postos do gabinete da Presidencia.

Polo que respecta ao persoal ao servizo dos grupos políticos respéctase a proporcionalidade da súa representación na corporación provincial, cos seguintes matices. En primeiro lugar, o posto de coordinador de grupo político só existe no grupo provincial do PP, por ser o máis numeroso. Democracia Ourensana disporá dun posto máis que o BNG, pois aínda que ambos os grupos teñen o mesmo número de deputados e deputadas provinciais, DO ten unha dedicación exclusiva menos que o grupo nacionalista.

As retribucións que se asignan neste punto son as mesmas que os postos asimilables do persoal funcionario na Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación.

Gabinete de Presidencia (13 postos)

• Xefatura do Gabinete da Presidencia (grupo A1. Nivel 27).

• Asesoría de Comunicación da Presidencia (grupo A1. Nivel 27).

• Asesoría técnica da Presidencia en política físico-deportiva e recreativa (grupo A1. Nivel 25).

• Asesoría de Proxectos Estratéxicos da Presidencia (grupo A1. Nivel 26).

• 4 asesorías de Presidencia (grupo A2. Nivel 22).

• 5 postos administrativos de Presidencia (grupo C1. Nivel 19).

Persoal ó servizo dos grupos políticos (14 postos)

Partido Popular (5)

• 1 Coordinación de grupo político (grupo A1. Nivel 27)

• 1 Asesoría política (grupo A2. Nivel 24).

• 3 postos administrativos (grupo C1. Nivel 19).

PSdG-PSOE (4)

• 3 asesorías políticas de grupo e 1 posto administrativo (mesmas condicións que os antes citados).

Democracia Ourensana (3)

• 1 asesoría política de grupo e 2 postos administrativos.

BNG (2)

• 2 postos administrativos