Presentación da Copa Ibérica de Remo Olímpico, na Deputación de Ourense
- Medio millar de remeiros daranse cita no encoro de Castrelo de Miño entre os días 7 ao 9 de xuño para disputar esta proba.
Medio millar de remeiros daranse cita os vindeiros días 7, 8 e 9 de xuño no encoro de Castrelo de Miño para disputar a primeira edición da Copa Ibérica Cabreiroá de Remo Olímpico, que hoxe foi presentada no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. Ao acto asistiron o presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Remo, José Prada, e o director da Corporación Hijos de Rivera, Antonio Viejo.
Manuel Baltar destacou na presentación "o inmellorable escenario que supón o encoro de Castrelo de Miño e as magníficas instalacións do seu club náutico, considerado entre os tres espazos mellor dotados de Galicia para a práctica deste deporte náutico, ao que contribuíu este ano a Deputación de Ourense cun orzamento para a remodelación da pista de remo". Baltar subliñou, asemade, a importancia desta proba "polo que supón de promoción económica, turística e deportiva" porque, dixo, "Castrelo de Miño converterase neses días na capital europea do remo".
A proba, que conta co apoio do Club Náutico de Castrelo de Miño e a Federación Portuguesa de Remo, está reservada a atletas seniors, tanto femininos como masculinos. Haberá probas de skiff e outtrigger e oito máis timonel, ademais da modalidade de dobres de un, dous e catro tripulantes. Na xornada do sábado 8 de xuño iniciarase a competición con mangas de 1.000 metros, e o domingo terán lugar as probas de velocidade en 500 metros.
Confirmaron a súa presenza numerosos clubes de España e Portugal, destacando a representación dos clubes galegos. En total, participarán atletas de 40 clubes de toda a península.