Presentación da obra Por puntos, gañadora do XXXVII Premio "Blanco Amor" de novela longa

Compartir

  • O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, xunto co autor, Manuel Portas, e o presidente de editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, participaron no acto, celebrado no Pazo Provincial.

Ourense, 28 de marzo de 2019.- Unha novela sentimental, traxicómica, corrosiva e actual, así definiu o presidente de editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, á obra Por puntos, gañadora do XXXVII Premio "Blanco Amor" de novela longa, convocado pola Deputación de Ourense. A novela, do escritor santiagués Manuel Portas, "é un retrato de sixilo dunhas vidas anónimas que se reúnen nun curso de recuperación do carné de conducir, logo de perder os puntos", afirma o autor, quen destaca "os acontecementos extraordinarios que ocorren dentro de vidas normais e verosímiles".

No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, salientou "o prestixio e a traxectoria do premio "Blanco Amor", como referente dos galardóns na nosa lingua", e remarcou o labor que vén desenvolvendo a Deputación de Ourense "na posta en valor da figura de Eduardo Blanco Amor e do seu legado, con iniciativas como foi en 2014, no 35º aniversario do seu pasamento, asumir por parte da institución provincial a organización deste premio literario, e tamén impulsar a creación da fundación que leva o seu nome, así como difundir con actividades e publicacións o mundo creativo do escritor que inmortalizou a nosa Auria", expresou Rosendo Fernández.

Antón Vidal Andión agradeceu á Deputación de Ourense o apoio e "a actitude cara a Blanco Amor, un autor que tivo en Galaxia a súa casa, algo que cómpre destacar agora que a editorial está a piques de cumprir setenta anos, efeméride que coincidirá o vindeiro ano co centenario de Nós", e salientou o bo momento polo que atravesa a literatura galega desde o punto de vista da creación, "sendo unha das máis importantes da Península".

Pola súa banda, Manuel Portas coincidiu en destacar o labor da Deputación de Ourense, "estando á altura que lle corresponde a unha institución pública defendendo a Ourensanía, e por manter aceso o facho de Blanco Amor". Portas dixo "sentir vertixe" por pasar a formar parte da nómina de escritores galardoados co premio "Blanco Amor" de novela", e sobre o seu libro comentou que o escritor "non debería falar da súa obra porque xa fixo antes o que tiña que facer: escribila". Aínda así apuntou que a trama da novela Por puntos amosa unha realidade máis ou menos oculta, porque moitas persoas están a pasar hoxe en día pola experiencia que supón tentar recuperar o carné de conducir, "o que mestura ocasionalidade coa moralidade imperante". A obra reflicte como uns personaxes "procuran na esperanza do amor unha solución vital aos seus problemas", dixo o autor.

Segundo comentou Rosendo Fernández, o xurado do XXXVII Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor" ditaminou conceder o galardón destacando da novela Por puntos a súa "calidade narrativa", tratándose "dunha novela de interese para calquera tipo de lector, que recrea unha galería de personaxes interactuando nun contexto actual e urbano". Tamén destacou o xurado que "este retablo de tipos humanos mantén ata o final unha tensión argumental, que é a que sustenta unha trama áxil e diversa", e que a variedade de rexistros lingüísticos da obra "singulariza ás persoas que interveñen no relato e achega forza expresiva e autenticidade á novela".