Presentación das actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego
- O CCP Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e a Asociación Cultural Ben-Cho-Shey organizaron este evento cultural centrado na figura do afiador.
- Manuel Baltar destacou que falar do afiador "é falar da sinal de identidade máis característica da nosa provincia".
Ourense, 4 de abril de 2016.- As actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego (II Internacional), baixo o título O afiado e outras técnicas artesanais de comunidades rurais, foron presentadas esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; da directora do Centro de Cultura Popular (CCP) "Xaquín Lorenzo" da Deputación de Ourense, Mariló Fernández Senra; do vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Xosé Manuel Cid Fernández; e do presidente da Asociación Cultural BEN-CHO-SEY, e responsable da Casa das Rodas, Florencio de Arboiro.
Manuel Baltar afirmou na presentación das actas que este traballo "ten que ver coa nosa identidade, e co esforzo que realizan institucións e investigadores por poñer en valor o noso: a etnografía ourensá", personificando na figura do afiador o símbolo da nosa identidade como ourensáns, "pois o afiador representa perfectamente tres das características máis importantes do noso pobo: creativo, traballador e emigrante". Baltar remarcou que este oficio "representa o máis fondo do noso ser, da nosa tradición e da nosa etnografía".
A publicación foi editada pola Deputación de Ourense, "un exemplo máis da aposta clara e permanente que ten o ente provincial pola edición daquelas cuestións que teñen moito que ver coa razón de ser desta institución e coa defensa do interese xeral da provincia", explicou Manuel Baltar.
Froito da colaboración entre o CCP "Xaquín Lorenzo" da Deputación de Ourense e a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense dende o ano 2003 lévanse celebrado cinco congresos sobre o patrimonio etnográfico galego, o último deles organizado polo CCP Xaquín Lorenzo, a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, e a Asociación Cultural Ben-Cho-Shey, desenvolveuse entre os días 9 e 13 de outubro de 2014.
O congreso tivo como tema principal de estudo o afiador, o mundo do afiado, a súa musealización e a preservación e posta en valor do patrimonio a través do sistema educativo. Este evento cultural contou coa participación de relatores de toda Galicia, Albacete, Francia, Italia, Portugal e Venezuela dos campos da etnografía, a museoloxía, a pedagoxía, a filoloxía, así como as experiencias de vellos profesionais, hoxe xa retirados do oficio.
Xosé Manuel Cid destacou que este quinto congreso foi "o máis participativo en canto a comunicacións libres e tamén foi o máis extenso". Asemade outra das características deste congreso foi a súa internacionalidade pois "sendo un tema que parece máis local posto que falar dos afiadores é case falar de Ourense, sen embargo, aos galegos nos identifican no mundo enteiro pola roda de afiar", asegurou o profesor da Facultade de Ciencias da Educación, quen exemplificou esta internacionalidade co artigo que figura nas actas sobre a presenza do afiador na filatelia, "hai selos no mundo enteiro coa imaxe do afiador, ata en Xapón" sinalou Xosé Manuel Cid.
O libro das actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego está formado por 34 artigos asinados por autores tan destacados como Olegario Sotelo Blanco, Marina de Pascual López, X. Manuel González Reboredo, Belén Sáenz-Chas, Teresa Soeiro, Santiago Veloso, Carmen Ricoy, Delfín Caseiro, Jorge Rodrigues ou Isaac Alonso Estraviz. Os artigos atópanse organizados en catro seccións: "O oficio de afiar e a súa musealización", "Outros oficios do rural e a súa formación", "A transmisión pedagóxica do patrimonio inmaterial", e "As falas gremiais". Como peche das actas hai unha recompilación do vocabularios do barallete traducido a sete idiomas.
Florencio de Arboiro asegurou que era unha das súas grandes ilusións que se levase a cabo un congreso que tivera como tema central a figura do afiador, e destacou a relevancia que ten que as actas conten coa tradución a sete idiomas do "noso barallete".
Pola súa banda, Mariló Fernández, fixo especial fincapé na importancia de "fomentar que estas cuestións que se transmiten oralmente non se perdan, e estas actas, son unha testemuña material de moitas vivencias, de moitas maneiras de vivir".
Ademais deste congreso, o CCP Xaquín Lorenzo e a Facultade de Ciencias da Educación organizaron anteriormente outros eventos que tiveron como tema principal a figura de Xaquín Lorenzo, etnógrafo ourensán (2003), o Patrimonio Etnográfico no século XXI (2008), o Entroido (2009), e o Camiño de Santiago (2010).