Presentación do 45º Rallye de Ourense

Compartir

O Centro Cultural "Marcos Valcácel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da 45 edición do Rallye de Ourense, unha das probas máis importante do calendario automovilístico español e que conta cunha consolidada tradición no mundo do motor.

No acto de presentación participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente de Escudería Ourense, Adolfo Rodríguez de la Rúa; o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Fernando Varela. 

Manuel Baltar lembrou a Estanislao Reverter como precursor desta proba e dixo que grazas a el e a todos os que con el colaboraron e seguiron o seu traballo con esforzo, sacrificio e cariño polo mundo do motor "é posible que hoxe cheguemos á 45 edición deste rallye, que é unha enseña da provincia de Ourense".

Baltar destacou "o gran impacto económico e turístico que supón o Rallye de Ourense" e subliñou que, coa implicación de todas as administracións se poden facer grandes cousas, e concretamente, no que atinxe a esta proba automobilística, "os afeizoados, os visitantes e os ourensáns en xeral poderán disfrutar o vindeiro fin de semana dun fermoso espectáculo deportivo".

Todos os presentes coincidiron en destacar a importante labor da organización, dos voluntarios, colaboradores e equipos que velarán pola seguridade da proba, e fixeron unha chamada aos espectadores para que respecten as normas de seguridade co fin de que o Rallye de Ourense sexa unha festa deportiva que discurra con normalidade e sen incidentes.

O rallye é puntuable para o Campionato de España de Rallyes 2012, e desenvolverase nunha distancia de 565 quilómetros de percorrido, cun total de 12 tramos cronometrados (208 quilómetros).