Presentación do libro "Latexos e lembranzas de Parada de Sil", de Xoel Ferral
- O acto, no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é a homenaxe do Concello de Parada de Sil o autor con motivo da celebración das Letras Galegas.
O Concello de Parada de Sil homenaxeou hoxe, con motivo das Letras Galegas 2014 o escritor José Elías Ferreiro Álvarez "Xoel Ferral", nun acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no que se presentou a obra Latexos e lembrazas de Parada de Sil. A xornada, que se desenvolveu na Casa Consistorial de Parada de Sil contou asimesmo coas intervencións do alcalde, Francisco Magide, e do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e coa actuación da Coral Vellos Amigos.
Trala presentación do libro por parte de Antonio Carreño, profesor da Brown University, tivo lugar a entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil e descubriuse unha placa na casa do escritor homenaxeado.
Na súa intervención, Manuel Baltar dixo que con motivo da celebración do Día das Letras Galegas a Deputación de Ourense colabora na publicación do libro Latexos e lembranzas de Parada de Sil, de Xoel Ferral, "que é unha selección de textos poéticos da obra Latexos e o conto A terra do Alarbio, textos que destacan polo seu indubidable interese etnográfico, que transmiten de xeito ameno os recordos das horas transcorridas na aldea natal e os distintos aspectos da vida cotiá da Ribeira Sacra".
Baltar destacou a "sinxeleza coa que Xoel Ferral escribe os seus poemas, un selo de identidade dun autor que recrea as formas de vida de Parada de Sil e da Ribeira Sacra amosando a morriña dun emigrante". O presidente da Deputación lembrou que esta obra "está de plena actualidade", "xa que dende o goberno provincial estamos a impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para declarala Patrimonio da Humanidade, dadas as singularidades morfolóxicas, climáticas, paisaxísticas, históricas e económicas que a converten nun lugar único, do que Xoel Ferral deu conta cos seus poemas hai xa máis de noventa anos".