Presentación do spot da "Ruta do Viño do Ribeiro"

Compartir

  • No acto, celebrado no centro cultural "Marcos Valcárcel", Manuel Baltar dixo que "se algo ten o Ribeiro, entre o moito que posúe, é futuro, que depende de todos: institucións, empresas, colleiteiros e emprendedores, para seguir potenciándoo con iniciativas como a que hoxe presentamos, este spot, que contribuirá a difundir as excelencias do Ribeiro".

  • Juan Manuel Casares salientou que O Camiño do Viño "ten como obxectivo "promocionar os recursos do noso territorio, utilizando o viño do Ribeiro e a riqueza da nosa historia como fíos condutores dunha estratexia dirixida a facer máis atractiva esta comarca vitivinícola".

Ourense, 19 de abril de 2019.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu esta mañá a presentación do spot publicitario "O camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro", unha iniciativa enmarcada nas actividades que impulsan conxuntamente a asociación "Ruta do viño do Ribeiro", a Deputación de Ourense, o Consello Regulador da denominación de Orixe Ribeiro e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño, para potenciar o territorio histórico do Ribeiro.

O acto contou coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o presidente da asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares; e o presidente do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, Francisco José Fernández, e no que estiveron presentes alcaldes e outros representantes institucionais dos concellos desta comarca.

Baltar destacou que falar de viño en Ourense "é falar de termalismo, de patrimonio, de territorio e de turismo, e hoxe vemos os primeiros froitos da cooperación conxunta iniciada hai unhas semanas entre as catro entidades que participamos nesta iniciativa, e que ten como obxectivo a aposta pola visualización do enoturismo nunha comarca fundamental da provincia de Ourense, como é a do Ribeiro", expresou o presidente, quen remarcou que pronto estaremos a pouco máis de dúas horas de Madrid, coa chegada da Alta Velocidade, o que nos abrirá un mundo de oportunidades, e preparar a provincia para ese momento histórico é a nosa obriga".

O presidente do goberno provincial lembrou que o Ribeiro "é a segunda denominación de orixe máis antiga de España" e destacou que foi a primeira da que se pode falar de internacionalización, porque os seus viños foron pioneiros na chegada, daquela, ao novo continente". "Uns viños cunha pegada histórica que ninguén pode negar, e se algo ten o Ribeiro, entre as moitas cousas que posúe, é futuro, que depende de todos: institucións, empresas, colleiteiros e emprendedores, para seguir potenciándoo con iniciativas como a que hoxe presentamos, este spot en versión longa e curta, que contribuirá a difundir as excelencias do Ribeiro", dixo Baltar.

Pola súa banda, Juan Casares expresou que O Camiño do Viño ten como obxectivos "promocionar os recursos do noso territorio, utilizando o viño do Ribeiro e a riqueza da nosa historia como fíos condutores dunha estratexia dirixida a facer máis atractiva esta comarca vitivinícola, e tamén espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro e poñer en valor todo un rico patrimonio material e inmaterial que forma parte do acerbo histórico de Ourense e Galicia".

Na mesma liña, Francisco José Fernández salientou que "o spot que hoxe presentamos é a primeira acción que desenvolvemos neste ambicioso proxecto do que nos sentimos orgullosos polo que supón de difusión dos máis grandes valores da comarca do Ribeiro".

O enlace do spot estará dispoñible a partir de hoxe na web: http://rutadelvinoribeiro.com/

Outras actividades que se van desenvolver neste ámbito durante o ano 2019 serán unha campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro, e unha presentación en Santiago da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto a Compostela.

Asemade, unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados daralle unha dimensión nacional á estratexia, e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración coa Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro. Finalmente, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará no mes de xuño a VIII edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia.