Presentación do Torneo Solidario de Nadal
A sala de xuntas da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do Torneo Solidario de Nadal, en favor de Cruz Vermella, Banco de Alimentos e Cáritas, que se celebrará mañá xoves, 27 de decembro, ás 20.00 horas, no Pavillón dos Remedios de Ourense. No devandito torneo participarán equipos integrados por xogadores da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e os medios de comunicación. O público asistente poderá colaborar solidariamente mediante un donativo de 3 € ou coa achega de alimentos, sendo a entrada gratuíta para os menores de 15 anos. Asemade, farase un sorteo de agasallos doados por diversas firmas e entidades colaboradoras. O acto de presentación contou coa presenza do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Alfonso Vilachá; o xornalista deportivo, Manolo Losada, e os representantes de Cruz Vermella, Cáritas e o Banco de Alimentos, Carmen González, José Ángel Feijoo Mirón, e Bienvenido Conde, respectivamente.
Todos os asistentes destacaron na presentación a importancia desta actividade solidaria, dirixida a recaudar fondos e alimentos para as persoas máis necesitadas da provincia de Ourense, unha actividade na que dúas institucións como a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense únense para acadar o máximo éxito de convocatoria de público, labor na que tamén participan os xornalistas ourensáns de diferentes medios de comunicación para que a xornada sexa un reclamo á solidariedade da cidadanía ourensá con esta causa.