Presentación do XI Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense

Compartir

Potenciar aos novos creadores e artistas xuvenís é o obxectivo do XI Certame de Artes Plásticas da Deputación Provincial de Ourense, que hoxe foi presentado no Pazo Provincial polo deputado provincial de Cultural, Antonio Mouriño, e o director do Centro Cultural da Deputación, Francisco González.

Cunha dotación total de 14.000 euros, que se repartirán para o primeiro premio (6.000 euros), segundo premio (4.000 euros), terceiro premio (2.000 euros) e dous accésits de 1.000 euros, o premio pretende promover e apoiar ós novos valores nos distintos campos das artes plásticas: pintura, escultura, gravado, e calquera outro tipo de expresión artística coma vídeo, arte dixital e instalacións. No certame poderán participar artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A temática será libre, admitíndose todo tipo de tendencias artísticas, e na realización da obra poderase empregar calquera tipo de técnica e material. Francisco González destacou na presentación a “aposta pola xuventude” que fai constantemente a Deputación de Ourense, “o que se pon de manifesto neste certame dirixido a mozos menores de 30 anos, certame ó que teñen concorrido máis de dúas mil obras desde que se puxo en marcha no ano 2000”. Pola súa banda, Antonio Mouriño dixo que apoiar á xuventude “é unha aposta polo futuro da nosa provincia, e moito máis en momentos de crise, onde tan importante é o capital humano”. O director do Centro Cultural subliñou “a gran aceptación que no ámbito nacional e internacional ten este certame de artes plásticas, xa que ano tras ano recibimos obras que chegan, ademais de España, de Sudamérica, a Unión Europea e mesmo dos países do leste”. Francisco González dixo tamén que a Deputación de Ourense “síntese moi satisfeita” de haber acadado a consolidación deste certame, “porque contribúe a que ós xóvenes creadores poidan abrirse camiño no difícil mundo do arte, e permítelles dispoñer dun espazo para exhibir as súas creacións e mesmo para facer currículo”, pois tamén se edita un catálogo coas obras seleccionadas. O prazo de presentación das obras remata o 31 de maio de 2012, e os traballos deben enviarse ao Centro Cultural da Deputación de Ourense. Para máis información: http://www.centroculturaldeourense.com/menu/menu-contenido.html