A provincia de Ourense contará coa primeira Reserva Internacional Fluvial da Unión Europea

Compartir

Comprenderá os ríos Troncoso e Laboreiro, no Concello de Padrenda, onde se investirán 750.000 euros para eliminar focos de contaminación e mellorar a calidade ecolóxica dos ríos.

O proxecto, desenvolvido pola Deputación de Ourense, o Concello de Padrenda e a Confederación Hidrográfica, inclúe medidas para protexer a diversidade biolóxica fluvial e os recursos hídricos.

A provincia de Ourense contará coa primeira Reserva Internacional Fluvial da Unión Europea, grazas a un proxecto ecolóxico para os ríos Troncoso e Laboreiro que permitirá eliminar focos de contaminación e mellorar a calidade ecolóxica das augas, así como protexer a diversidade biolóxica fluvial e os recursos hídricos.

Investiranse neste proxecto 750.000 euros, o 10% financiado pola Deputación de Ourense, outro 10%, pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o 80%, con Fondos Europeos, mentres que o Concello de Padrenda porá á disposición do proxecto os terreos necesarios para levar a cabo a actuación.

Como primeiro paso, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acordou nunha reunión mantida co alcalde de Padrenda, Manuel Pérez, e co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, iniciar os trámites para a construción da estación depuradora de augas residuais que permita depurar as augas da contorna de Pontebarxas, xa que a actual estación depuradora está obsoleta, pois foi construída nos anos 60 para atender as necesidades do poboado da presa de Frieira, polo cal a súa capacidade de depuración é só para 50 habitantes.

As novas instalacións proxectadas permitirán dar servizo a máis de 600 habitantes e mellorar a calidade ecolóxica do río Troncoso, e as administracións establecerán medidas que permitan protexer a diversidade biolóxica dos ecosistemas fluviais, compatibilizándoa co aumento de poboación que se está a rexistrar no rural.

Esta actuación enmarcarase dentro do proxecto CARISMA – Calidade ambiental das reservas fluviais internacionais- que se desenvolve no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. Precisamente, o feito de que este proxecto contribúa a protexer, integrar e conservar os recursos hídricos dos territorios transfronteirizos e poña en valor os ríos Troncoso e Laboreiro, fai que ámbolos dous fluviais teñan sido propostos como Reservas Naturais Fluviais Internacionais, un fito pioneiro na Unión Europea.