Recepción no Pazo Provincial ás participantes no proxecto Mulleres Emprendedoras en Acción
Ourense, 16 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a un grupo integrado por nove mulleres procedentes de Bélgica, Francia e Alemaña que participan no proxecto Mulleres Emprendedoras en Acción, no marco do programa Erasmus +, cuxo obxectivo é impulsar o emprendemento feminino.
A profesora e investigadora da Universidade de Vigo, Elena Rivo, xunto con Victoria Rois en representación da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), como entidades socias do proxecto, explicaron as accións desenvolvidas dentro deste programa, que inclúe un cómic no que, a modo de guía para o emprendemento, conta a historia de catro mulleres que se coñecen na Ribeira Sacra e inician a súa andaina no mundo da empresa.
Manuel Baltar valorou especialmente esta acción logo da declaración, onte mércores, da Ribeira Sacra como Reserva Mundial da Biosfera, "que vai abrir un novo camiño de oportunidades a moitos emprendedores que, sobre a base da conservación do medio, poderán desenvolver os seus proxectos empresariais xerando riqueza e emprego no territorio"