Referencias ao Pop Art na mostra "O movemento estático", do pintor Santiago López Amado
- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolle esta nova exposición que será inaugurada oficialmente hoxe ás 20.00 horas.
Ourense, 7 de setembro de 2018.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolle unha nova mostra nas súas instalacións, trátase de "O movemento estático", do pintor Santiago López Amado, quen enche as paredes deste espazo cultural con referencias ao Pop Art, aos personaxes que formaron parte da súa cotidianeidade e da de moitos cidadáns máis. A presentación desta exposición tivo lugar hoxe no Centro Cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o propio artista, Santiago López Amado.
O vicepresidente do goberno provincial dixo que o artista "recorre á experiencia vital como elemento de expresión artística, sendo unha das características que mellor singularizan a calquera creador, a constancia de que posúe un universo persoal identificable e, por suposto, elocuente".
Marilyn, Superman, Elvis, Capitán Trueno, JAgger, Police, Bo Derek, son algúns dos protagonistas que se poden ver en "O movemento estático", "obras marcadas pola soltura e xestualidade do trazo", sinalou Francisco González, quen lembrou que esta mostra enmárcase na filosofía plural do Centro Cultural de "atender ás diferentes disciplinas artísticas (pintura, escultura...) e ás diferentes xeracións de artistas (consolidados, emerxentes...)".
Así mesmo, o director do Centro Cultural lembrou a vinculación que garda o artista coa nosa provincia, "naceu en Ourense, e aínda que estivo toda a súa vida en Madrid, sempre mantivo unha estreita relación coa cidade". Neste mesmo senso, Santiago López Amado dixo que esta mostra facía realidade o seu soño de ter unha exposición en Ourense para "mostrarme como artista e tamén polo vínculo que manteño con esta cidade".
A exposición "O movemento estático" está composta por "28 pezas que, na súa gran maioría, son traballadas con óleo", explicou o artista, quen sinalou que nas súas obras "non separo a miña vida dos meus cadros".
A mostra, que será inaugurada hoxe ás 20.00 horas oficialmente, poderá visitarse ata o día 21 de outubro.