Rematou a selección dos traballadores que prestarán servizos no marco do convenio coa Xunta de Galicia

Compartir

133 desempregados de diferentes perfís profesionais comezaron a traballar nas diferentes áreas que contempla o acordo laboral e de servizos sociais.

Os concellos da provincia, excepto a capital –con máis de 20.000 habitantes- verán incrementados o cadro de persoal técnico e os equipos de servizos sociais.

A selección dos traballadores que prestarán servizos no marco do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia rematou estes días e, en total, son 133 persoas de diferentes perfís profesionais e formación, ás cales comezaron xa a traballar nas áreas que contempla o acordo laboral e de servizos sociais.

Todos os concellos da provincia, excepto a capital –que conta con máis de 20.000 habitantes- verán incrementado seu cadro de persoal técnico e os seus equipos de servizos sociais, no marco deste convenio Xunta-Deputación de Ourense -asinado o pasado 19 de xullo-, que ten como obxectivo a coordinación do cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais na provincia de Ourense e a contratación de traballadores desempregados.

O acordo da resposta ás necesidades de dotación de equipos humanos que traballan nos servizos sociais comunitarios en diferentes concellos e mancomunidades, entendendo que os cidadáns da provincia de Ourense, con independencia do concello ou entidade que lle preste servizos sociais, deben ter similares condicións de atención profesional e acceso a programas sociais semellantes que redunden na calidade de vida e o benestar da poboación.

O financiamento da Consellería de Traballo e Benestar realízase con cargo a aplicación 12.04.332A.460.0 do presuposto do exercicio 2012 por un importe total máximo de 1.200.000 euros.

A contratación do persoal non supón custe algún para a Deputación de Ourense xa que se fai con cargo á devandita cooperación autonómica. Para a selección das persoas desempregadas creouse, segundo estipula a cláusula 5ª do convenio (seguindo os requisitos establecidos no artigo 11 da Orde do 29 de febreiro para o fomento do emprego), un grupo mixto constituído por dous representantes da Deputación de Ourense e outros dous da Consellería de Traballo e Benestar, que foron os encargados da elaboración das ofertas de emprego ante o Servizo Galego de Colocación.

No ámbito da cooperación transversal cos concellos contratáronse un total de 56 persoas desempregadas, por un período improrrogable de 3 meses, e no ámbito dos Servizos Sociais contratáronse 77 persoas desempregadas, por un período improrrogable de 9 meses, con diferente formación e perfís profesionais entre os que figuran traballadores sociais, psicólogos, técnicos e educadores sociais, destinados fundamentalmente a áreas de elevada dispersión poboacional e concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.

Este convenio está directamente vencellado ao Plan Provincial de Servizos Sociais "BenOurense" –incluído no Plan OURENSE 92- que, segundo o presidente da Deputación, Manuel Baltar "atende a un dos piares fundamentais da nosa sociedade como é o do benestar, algo que o goberno provincial non vai deixar desatendido, e para o cal investimos na mellora da atención nos servizos sociais que se prestan aos concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes".