Reunión da Federación Nacional de Encoros cos concellos de Ourense que contan con infraestruturas hidroeléctricas

Compartir

Ourense, 23 de xullo de 2014.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, presidiu hoxe no Salón de Plenos da institución provincial a reunión informativa que mantiveron representantes da Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros con alcaldes dos concellos ourensáns que contan con este tipo de instalación no seu territorio municipal.

Por parte da federación participaron Javier Gonzalo Migueláñez, asesor xurídico; Francisco Gómez Sánchez, coordinador da federación, e Mercedes Gonzalo Pascual, letrada da asesoría xurídica, mentres que por parte dos concellos estiveron presentes alcaldes e representantes dos municipios de Punxín, Petín, Lobios, Bande, Pereiro de Aguiar, Chandrexa de Queixa, Nogueira de Ramuín, San Xoán de Río, Melón, O Bolo, A Teixeira, Castrelo de Mio, Padrenda e A Peroxa.

O obxectivo da xuntanza era presentar o informe das xestións e actuacións levadas a cabo por parte da federación en beneficio dos municipios adheridos; explicar aspectos da tributación como BICES das minicentrais hidráulicas, e informar sobre as novas leis do sector eléctrico e das telecomunicacións. Tamén se debateu sobre o contido e desenvolvemento da Central de Compras da federación e a súa posta en funcionamento e sobre o convenio subscrito coa Dirección Xeral do Catastro.

Na provincia de Ourense son 43 os concellos afectados por presas e encoros, e deles, 19 contan con centrais hidroeléctricas, sendo 23 o total de presas e encoros na provincia de Ourense.

A Federación de asociacións de concellos con encoros e centrais hidroeléctricas ven traballando dende hai anos na defensa dos intereses destes concellos fronte ás grandes multinacionais e empresas hidroeléctricas. O seu labor céntrase principalmente en axudar aos pequenos concellos que teñen carencias en materia de asesoramento xurídico e xestión fiscal. Dende a súa creación, a federación ten conseguido importantes achegas económicas para estes municipios tanto coa xestión directa diante das hidroeléctricas como diante da administración do Estado.

Rosendo Fernández dixo que hai que defender políticas medioambientais "que sexan especialmente activas nos pequenos concellos do rural, porque a riqueza e a competitividade destes municipios pasa por potenciar accións sostibles e por desenvolver iniciativas en clave ecolóxica e de protección do medio natural".