Reunión de Manuel Baltar co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén

Compartir

Ourense, 30 de setembro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, xuntanza de traballo na que acordaron "manter a máxima cooperación e seguir fortalecendo a colaboración entre a administración autonómica e a administración provincial no territorio ourensán", valorou o presidente ao remate do encontro.

Baltar avanzou que como consecuencia desta colaboración manterán, aló menos, xuntanzas de periodicidade mensual, "o que significa que a información que posúa a administración autonómica e a provincial, en relación coas necesidades e proxectos de concellos e entidades que operan no territorio provincial, estará a disposición e formarase unha cadea de comunicación que vai reverter en mellores decisións e en propostas para contar cunha actualizada "fotografía" da realidade provincial", salientou o presidente.

"Iniciamos unha etapa de absoluta cooperación", dixo Baltar, remarcando que Gabriel Alén "coñece perfectamente o ámbito provincial, ata hai poucos días formaba parte desta administración como coordinador do grupo popular. Sabemos das competencias que cada administración desprega no territorio e, en definitiva, da capacidade que temos de chegar a máis sitios e de estar a disposición da veciñanza cun obxectivo fundamental: a mellora da prestación de servicios públicos e que todos eles sexan de excelente calidade", concluíu Baltar.