Reunión de Manuel Baltar con Hakan Casares

Compartir

Ourense, 29 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial con Hakan Casares, administrador da fundación "Carlos Casares" e fillo do escritor, con quen analizou temas culturais relativos á cooperación que vén mantendo a institución provincial con esta fundación, "co obxectivo seguir poñendo en valor a obra e a traxectoria vital do insigne intelectual ourensán, así como desenvolver novos proxectos no ámbito do fomento da cultura e da creatividade", expresou Manuel Baltar. Neste sentido, un dos proxectos que trataron é a posta en marcha dun premio ao talento, que axude aos xóvenes no inicio da súa carreira profesional, galardón que estaría aberto tanto a disciplinas científicas como de humanidades.

O compromiso da Deputación de Ourense a prol da visualización da traxectoria persoal e profesional de Carlos Casares tivo o acontecemento máis relevante en marzo pasado coa concesión, a título póstumo, da medalla de ouro da provincia de Ourense á memoria do intelectual ourensán, recoñecemento que o presidente do goberno provincial entregou aos fillos do escritor e a seu irmán, nun acto celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial no día no que se conmemorou o 16º cabodano do intelectual ourensán, falecido en 2002. A concesión do galardón fora aprobada pola corporación provincial en 2017, outorgándolle esta distinción como homenaxe e recoñecemento a unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador.