Reunión do xurado do Premio Estatuto de Autonomía de Galicia, que organiza a Deputación de Ourense

Compartir

  • Na presente edición, na que se presentaron 330 traballos, o lema do concurso é "A nosa lingua" (artigo 5 do estatuto).

  • O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro 6 de abril no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

Ourense, 1 de abril de 2017.- O xurado da IV edición do premio Estatuto de Autonomía de Galicia de Debuxo e Redacción Escolar, que organiza a Deputación de Ourense, reuniuse no Pazo Provincial para seleccionar as obras premiadas este ano, un certame que baixo o lema "A nosa lingua" (artigo 5 do estatuto) contou coa participación de 330 traballos de estudantes da provincia de Ourense, dos cales 274 corresponden á modalidade de Debuxo ou Traballo Artístico, de alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, e 56 traballos á modalidade de redacción, de alumnos de ESO, Bacharelato e ciclo medio de Formación Profesional.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo seleccionáronse as 12 mellores obras, que recibirán un diploma e un lote de libros, e na modalidade de redacción, os 20 mellores traballos, que serán premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia. Os premiados daranse a coñecer no acto institucional de entrega dos premios que terá lugar o vindeiro 6 de abril no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía de Galicia.

O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, como vicepresidente do xurado; e como vogais, Montserrat Lama, Armando Ojea e Adolfo González. O asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, actuou como secretario do xurado con voz pero sen voto.