Rosendo Fernández destaca en Expourense a importancia de feiras como Previsel para afondar na mellora da prevención dos riscos laborais
Ourense, 11 de marzo de 2024.- Previsel é a única cita en Galicia centrada en exclusiva na formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. A 17ª edición deste salón celebrarase en Expourense os días 13 e 14 de marzo contando unha vez máis coa estreita colaboración de administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de intervención e emerxencias que elaboraron un completo programa con máis de 30 actividades que teñen o obxectivo de insistir na necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades promocionando ademais boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.
A 17ª edición de Previsel foi presentada esta mañá por representantes das entidades vencelladas coa súa organización. Participaron o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen salientou a importancia desta feira para afondar na mellora de algo tan fundamental como é a prevencións dos riscos laborais; o xefe do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López; o representante de Tesgalicia, Santiago Moreno Covelo e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Prevor, Mapa Professional ou Mundo Carretilla. Unha vez máis, destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.