Rosendo Fernández: "As obras dos novos accesos ao CHUO continúan segundo o previsto"

Compartir

  • O vicepresidente da Deputación de Ourense acompañou esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na súa visita a estas obras.

Ourense, 15 de xullo de 2016.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández xunto coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; visitaron esta mañá as obras de construción dos novos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que "están a desenvolver a bo ritmo e segundo o previsto", afirmou Rosendo Fernández.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que esta obra, para a cal o goberno provincial achegou preto dun millón de euros (949.614 €), é "a máis importante no eido da sanidade pública que se está a levar a cabo na provincia de Ourense, e que pon de manifesto a importancia da cooperación entre administracións en prol de actuacións que repercutan nunha mellora da calidade na prestación dos servizos aos cidadáns".

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas indicou que "se tratará de acelerar as obras, para que os ourensáns poidan contar, o máis pronto posible, con accesos adecuados e dispoñer do servizo ás instalacións hospitalarias que están a ser ampliadas". Asemade explicou que estas actuacións son "complicadas porque hai que facer unha escavación grande en roca para a formación da explanada e a continuación, procederase á execución de firmes, á pavimentación de beiravías e entrada de garaxes".