Rosendo Fernández participa na entrega do XXXIX Premio “Celanova, Casa dos Poetas” a Buciños, Fillo Adoptivo da provincia de Ourense

Compartir

Celanova, 3 de setembro de 2023.- O deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe na entrega do XXXIX Premio "Celanova, Casa dos Poetas" que recaeu nun "referente senlleiro da nosa cultura" como é o escultor Manuel Buciños.

Na súa intervención no acto, o deputado de Representación Institucional lembrou que Buciños recibiu en setembro de 2021 a distinción de Fillo Adoptivo da provincia de Ourense. Fernández, que daquela foi o instrutor do expediente de honra, destacou como o escultor desenvolveu a súa carreira "ligado a este territorio", contribuíndo "ao coñecemento da provincia" máis aló dos seus límites.

O padroado da Fundación Curros Enríquez -do que forma parte a Deputación de Ourense- decidiu, o pasado 18 de marzo, conceder por unanimidade o o galardón a Buciños pola súa "longuísima traxectoria no cumio principal da arte escultórica galega, como transformador que ten sido das formas lisas e apacibles da madeira, o bronce e a pedra, mimetizadas subliminalmente coas da nosa propia orografía das nosas serras e das que emerxen figuras que transmiten sensibilidade e harmonía dun xeito moi persoal".