Rosendo Fernández participa na presentación da terceira edición da Feira do Comercio organizada pola asociación Prolimia

Compartir

O presidente do Inorde destacou a colaboración do organismo adscrito á Deputación coa Asociación de Empresas e Comercios de Xinzo de Limia para a organización do evento.

Rosendo Fernández reafirmou "o papel cooperativo" do goberno provincial, apoiando as propostas do sector "e fomentando o asociacionismo empresarial no territorio"

Xinzo de Limia, 1 de agosto de 2023.- O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da terceira edición da Feira do Comercio Prolimia, organizada pola Asociación de Empresas e Comercios de Xinzo de Limia.

No salón de plenos do concello, onde tivo lugar o acto, Rosendo Fernández destacou a colaboración do organismo adscrito á Deputación para a organización do evento, achegando unha subvención que se enmarca na segunda liña de axudas a colectivos de comerciantes da provincia.

O Inorde, dixo o seu presidente, pon en marcha estas axudas co obxectivo de "atender as necesidades das asociacións de comerciantes, facilitando a organización de actividades que contribúan a reactivar o comercio de proximidade, tan importante na fixación de poboación do rural". Ademais, apuntou, "logramos fortalecer o asociacionismo como ferramenta para impulsar a cooperación público-privada e a do sector entre si".

Dinamización do sector

A Feira do comercio local Prolimia celebrarase do 25 ao 27 de agosto e ten como obxectivo activar e dinamizar as ventas na vila a finais do verán. Unha oportunidade para mostrar aos visitantes a calidade dos produtos e servizos ofertados polos establecementos comerciais de Xinzo de Limia e outros puntos do rural limiá.

Ademais dos expositores, o programa inclúe unha ampla variedade de actividades con diversos talleres e obradoiros, degustacións, xogos e música.