Rosendo Fernández representa á Deputación na presentación do novo viario de acceso ao CHUO desde a N-525

Compartir

O deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, asistiu hoxe á presentación do proxecto do novo viario de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde a estrada N-525, unha actuación que permitirá mellorar a mobilidade e facilitar os desprazamentos das persoas usuarias do complexo hospitalario.

Ourense, 12 de agosto de 2026. 

A presentación correu a cargo da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O proxecto, que acaba de iniciar o seu período de información pública, contará cun investimento superior aos 4,3 millóns de euros. O novo acceso terá unha lonxitude aproximada de 640 metros e conectará a N-525 coa avenida do Regato, permitindo un percorrido máis directo cara ao CHUO e evitando os rodeos que deben realizar actualmente numerosos usuarios.

O viario estará formado por dúas calzadas, con dous carrís de subida e un de baixada, separadas por unha mediana de dous metros. A actuación inclúe tamén beirarrúas, zonas de estacionamento, dúas glorietas e conexións con diferentes vías municipais, entre elas o Camiño Romano, o Camiño das Laxas e a rúa Ramón Abellas.

Rosendo Fernández destacou a importancia desta nova infraestrutura para mellorar a accesibilidade ao principal complexo hospitalario da provincia, beneficiando tanto á cidadanía da capital como ás persoas procedentes dos concellos da área sanitaria que acceden a Ourense desde o sur.

O prazo para presentar alegacións ao proxecto permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de setembro.