San Xoán de Río contará cunha oficina pioneira e comarcal de transición enerxética para impulsar as enerxías renovables e a vivenda no rural

Compartir

Todos os municipios adheridos convértense nos primeiros territorios que contarán cunha oficina destas características e que representa a primeira oficina a nivel nacional centrada neste fin

O deputado de Dinamización do Medio Rural e alcalde do Concello de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, explica que un dos motivos para poñer en marcha esta iniciativa foi a necesidade de promover as enerxías renovables e a construción sostible na recuperación do patrimonio rural

Ourense, 25 de setembro de 2024.

O Concello de San Xoán de Río terá unha oficina comarcal de rehabilitación enerxética. Así quedou de manifesto na presentación do proxecto que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, nunha xornada que estivo aberta a corporacións locais, persoal dos municipios, empresas e técnicos especializados no sector así como a todas aquelas persoas con interese na rehabilitación enerxética que desexen formar parte desta iniciativa. Na presentación interviñeron o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua; a coordinadora do proxecto, Eva de Castro; e o director da oficina, Luis Felipe Fernández.

A iniciativa forma parte dun proxecto chamado Abeiro-Ourense que buscará expandirse a outros puntos e que se fará en colaboración con empresas especializadas. Nace co principal obxectivo de dinamizar á poboación a través do asesoramento gratuíto das axudas e subvencións para a rehabilitación enerxética a través dunha rede de empresas especializadas que axudarán a por en valor o parque de vivendas dos concellos sede do proxecto.

Todos os municipios adheridos convértense nos primeiros territorios que contarán cunha oficina destas características e que representa a primeira oficina a nivel nacional centrada neste fin.

Dous son os motivos fundamentais que levaron aos concellos participantes no proxecto a desenvolver esta iniciativa: por unha banda, a necesidade de promover as enerxías renovable; e a construción sostible na recuperación do patrimonio rural pola emerxencia climática na que estamos inmersos a nivel global.

Por outra banda, a aposta firme pola atracción de novos poboadores ao rural para frear a despoboación cuxo principal freo é a falta de vivenda en condicións óptimas de habitabilidade a nivel local.

O deputado de Dinamización do Medio Rural e alcalde do Concello de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, explica que un dos motivos para poñer en marcha esta iniciativa foi a necesidade de promover as enerxías renovables e a construción sostible na recuperación do patrimonio rural. É unha prioridade imposta pola emerxencia climática, sinala. O outro motivo, recoñece, é a aposta por atraer novos veciños. "O principal obstáculo para atraer poboación é a falta de vivenda en condicións óptimas de habitabilidade a nivel local", engade.