A segunda misión comercial USA-Ourense terá lugar os días 6 e 7 de xullo

Compartir

  • Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial a Alejandra del Castillo, con quen analizou o seu labor no Departamento de Comercio de Estados Unidos e na Axencia de Desenvolvemento de Negocio, co obxectivo de explorar oportunidades comerciais para as empresas ourensás.

Ourense, 9 de abril de 2017.- A segunda misión comercial USA-Ourense xa ten data. Será os días 6 e 7 de xullo próximos, cun marcado carácter medioambiental, agroalimentario, turístico e tecnolóxico, ámbitos que determinarán boa parte da axenda dos encontros bilaterais entre empresas de Ourense e Estados Unidos. Así o confirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen se reuniu no Pazo Provincial con Alejandra del Castillo, experta en desenvolvemento de negocio en Estados Unidos, e con quen analizou o labor que levou a cabo no Departamento de Comercio USA e na Axencia de Desenvolvemento de Negocio.

O obxectivo deste encontro foi explorar as oportunidades comerciais que se abren para as empresas ourensás tendo en conta a experiencia e a ampla rede de contactos empresariais que mantén Alejandra del Castillo en Estados Unidos, logo das súas responsabilidades como directora nacional adxunta da Axencia de Desenvolvemento de Negocio USA, departamento que conta cunha rede nacional de 44 centros de negocios. Nesta labor profesional Alejandra del Castillo contribuíu a xestionar contratos empresariais por importe de máis de 15 millóns de dólares e á creación de 33.000 postos de traballo. Foi responsable da difusión negocios e asuntos intergobernamentais, e traballou no desenvolvemento de iniciativas de políticas orientadas á promoción do comercio e á aplicación das leis comerciais dos Estados Unidos, durante a administración Obama.

Manuel Baltar agradeceu e valorou moi positivamente o apoio de Alejandra del Castillo á misión comercial USA-Ourense, e dixo que a súa cooperación "favorecerá os contactos entre empresas ourensás e de Estados Unidos, tanto no labor previo de prospección como durante as dúas xornadas nas que durará o encontro en Ourense".

O presidente do goberno provincial remarcou a importancia que nesta segunda misión terán as política sustentables, "un campo que potenciaremos coa alianza que estableceremos para Europa co Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC), porque afondar en estratexias sostibles supón un distintivo de calidade é de boas prácticas na xestión e dálle maior confianza aos seus mercados-obxectivo", expresou Manuel Baltar, engadindo que a creación, con sé en Ourense, do Consello Europeo de Economía Sostible -entidade medioambiental que en Europa traballará como filial da americana, aplicando a experiencia das 250.000 empresas que integran o ASBC-, "permitirá unha maior incidencia das políticas medioambientais para favorecer a realización de proxectos públicos, empresariais e sociais que avancen na cultura da sustentabilidade", destaca Manuel Baltar.