Termalismo, cultura, infraestruturas e deporte centraron a reunión entre Manuel Baltar e Agustín Fernández
- O presidente da Deputación e o alcalde de Ourense concordaron en afondar na colaboración institucional para que os grandes temas da cidade e da provincia queden á marxe de cuestións partidistas.
Termalismo, cultura, cuestións de infraestruturas, entre as que destaca o AVE e o PXOM, e deporte, foron os temas que centraron a reunión que hoxe mantiveron no Concello de Ourense o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e alcalde da capital, Agustín Fernández. No encontro Baltar e Fernández concordaron na necesidade de afondar na colaboración institucional para que os grandes temas de interese para a cidade e a provincia queden á marxe de cuestións partidistas.
Manuel Baltar afirmou na comparecencia posterior de ámbolos dous dirixentes diante dos medios de comunicación que a cooperación "é a palabra clave que debe presidir a relación entre institucións, tendo como obxectivo principal o benestar dos cidadáns". No eido cultural Baltar destacou que se avanzou "en algo moi importante como é a coordinación entre Concello de Ourense e Deputación no que atinxe á programación cultural, para que a oferta que se lles brinda aos cidadáns sexa compatible e complementaria", unha coordinación que tamén afectará aos espazos expositivos, pois unha comisión de cultura que se creará entre concello e Deputación reunirase cada mes para avaliar a programación e o lugar de celebración dos eventos, poñendo as dúas institución os seus espazos culturais a disposición, en favor dunha mellor e máis eficaz coordinación cultural.
En canto ao termalismo, Manuel Baltar dixo que a provincia de Ourense tense que consolidar como destino termal, algo no que a cidade xoga tamén un papel importante. Neste senso, afirmou que no novo plan director de termalismo "incorporaremos o plan estratéxico que ten nesta materia o Concello de Ourense e outros concellos da provincia, para entre todos facer do ámbito termal un dos pulos singulares da competitividade económica na nosa provincia".
Baltar e Fernández afondaron tamén en cuestións fulcrais para o desenvolvemento de Ourense como son o PXOM e o AVE, e tamén no que atinxe ao eido deportivo, con sinalada referencia ao apoio ao Club Ourense Baloncesto (COB) e a Club Deportivo Ourense, para o cal se prevé traballar nun proxecto integral para o baloncesto e o fútbol que potencie as canteiras de ámbolos dous deportes.
Pola súa banda, Agustín Fernández agradeceu a visita do presidente provincial e dixo que este encontro "certifica e carta de natureza á colaboración institucional que debe existir entre Concello de Ourense e Deputación provincial en asuntos nos que temos que traballar buscando puntos de encontro polo ben dos cidadáns".