Termalismo, financiamento e innovación, temas de Manuel Baltar na Comisión de Orzamentos do Parlamento

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense dixo na súa comparecencia que a Deputación de Ourense "traballa xa nos orzamentos de 2018, unha vez aprobados en setembro os de 2017, o que nos permitirá estar plenamente operativos, orzamentariamente falando, o 1 de xaneiro ás 00.00 horas".

  • Reiterou a súa proposta de "elección directa, por parte dos cidadáns, do presidente e deputados provinciais"; pediu a participación das deputacións nos ingresos dos tributos da comunidade autónoma, e reivindicou que o mundo local "teña representación no Consello de Política Fiscal e Financeira".

  • Os orzamentos da Deputación para 2017 -77 millóns de €-, "son aínda máis sociais, innovadores e singulares, pois afondan na cooperación cos concellos e nas iniciativas que diferencian á provincia de Ourense, nos ámbitos da cultura, a vangarda creativa, a administración electrónica co proxecto "Provincia Intelixente", o termalismo e o medio ambiente", afirmou Baltar.

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu hoxe diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2017, sendo un ano máis a primeira administración pública do Estado en aprobalos (o pasado mes de setembro).

Termalismo, Lei Electoral, financiamento e innovación foron os temas que centraron a súa intervención, na que dixo que a Deputación de Ourense "está a traballar xa nos orzamentos de 2018, unha vez aprobados en setembro os de 2017, o que nos permitirá estar plenamente operativos, orzamentariamente falando, o 1 de xaneiro ás 00.00 horas, e ter preparadas e aprobadas as ordes de axudas para cooperar con concellos e cidadáns, en todos os servizos que integran a nosa "Carta de Servizos". Iso permítenos maior previsibilidade, planificación e seguridade, mesmo xurídica, para as entidades locais e cidadáns da provincia".

O presidente do goberno provincial reiterou a súa proposta para que se modifique a Lei Electoral "para que os cidadáns poidan elixir directamente ao presidente e deputados dos gobernos provinciais" e reclamou a participación das deputacións nos ingresos dos tributos da comunidade autónoma, ademais de reivindicar "que o mundo local teña representación no Consello de Política Fiscal e Financeira, nun momento no que deben abordarse simultaneamente, como dous subsistemas diferenciados, o financiamento autonómico e o o local".

Manuel Baltar dixo que os orzamentos da Deputación para 2017 –que ascenden a 77 millóns de euros-, "son aínda máis sociais, innovadores e singulares, pois afondan na cooperación cos concellos e nas iniciativas que diferencian á provincia de Ourense, nos ámbitos da cultura, a vangarda creativa, a administración electrónica co proxecto "Provincia Intelixente", o termalismo e o medio ambiente", e subliñou que, como o resultante da xestión orzamentaria de 2016, "agardamos un remanente de tesourería próximo aos 27 millóns de euros do exercicio anterior, a cifra máis alta na historia da Deputación".

Os Orzamentos de 2017 manteñen, en opinión de Manuel Baltar, "a aposta estratéxica polo termalismo como eixo de desenvolvemento provincial, tal e como vimos facendo dende a aprobación do plan termal provincial, en colaboración coa administración autonómica". "Estamos a falar da provincia termal de España, recentemente incorporada á Rede Europea de Territorios Termais, con peso de seu". Neste senso, remarcou que desde Ourense "presentaremos o Plan do Turismo Termal de España que, co apoio de entidades públicas e organizacións privadas fará competitivo o termalismo español no contexto europeo".

Emprego, natalidade e cooperación cos concellos

Manuel Baltar destacou que en materia de emprego os orzamentos da Deputación para 2017 contemplan "un plan de fomento de emprego que coopera cos concellos, coa mesma cantidade para todos eles, en contratacións que axudan a prestar con calidade determinados servizos públicos". E no que atinxe a administración electrónica remarcou o proxecto innovador no panorama nacional, o "Provincia Intelixente", "que conta dende o principio coa forza da asociación con dúas multinacionais como IBM ou Vodafone".

Asemade, por segundo ano, a Deputación de Ourense impulsará un Plan de Axudas á Natalidade, compatibles coas postas en marcha polo goberno autonómico, o que supón "o único plan destas características en Galicia dunha deputación, e pioneiro a nivel nacional", matizou Baltar, destacando que os presupostos contemplan, tal e como establece o Plan de mandato "Ourense 15-19", "o incremento do Plan de Cooperación para obras e servizos municipais ata os 55.000 euros, integramente financiados pola Deputación de Ourense".

Nesta liña de cooperación cos concellos, Manuel Baltar explicou que os orzamentos 2017 manteñen un Plan para Gastos correntes para aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, e incrementan a achega económica do Programa de Acción Social de Cooperación cos Concellos nun millón de euros con respecto ao exercicio anterior. "Todo elo para ocupármonos dos servizos sociais municipais en todos os concellos da provincia agás o da capital: o Plan "BenOurense", o primeiro dos catro de Galicia en poñerse en marcha todos os anos, coas correspondentes bases que garanten un reparto equitativo, numérico e obxectivo".

Desenvolvemento local, turístico e económico

Manuel Baltar explicou que os orzamentos incrementan en 1.650.000 euros a dotación para o Inorde, o organismo autónomo que especializa as súas función no desenvolvemento local, turístico e económico. O obxectivo é seguir "con ferramentas como o Observatorio Económico Ourensán; apostando pola colaboración coa Universidade de Vigo no Campus de Ourense; con proxectos como a declaración como Patrimonio Mundial pola UNESCO da Ribeira Sacra, ou explorando posibilidades de negocio e desenvolvemento para as empresas de Ourense, como a misión comercial, avalada e certificada polo Goberno dos Estados Unidos, celebrada en xuño".

A Deputación de Ourense é a primeira en asumir integramente, explicou Baltar, a carga económica que supuña para os concellos a participación dos gastos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, orzamentos que tamén contemplan, no ámbito da seguridade e protección veciñal, a dotación de preto dun millón de euros para o Consorcio Provincial de Incendios.

"Son, en definitiva –afirma Manuel Baltar-, uns orzamentos que seguen a liña e tendencia dos anteriores, coa xestión rigorosa como característica principal. Por iso pasamos dun endebedamento do 116 % en 2011 ao 25,65 % no momento actual, é dicir, máis de 90 puntos menos, e que será cero en maio de 2019. E por iso tamén pasamos de 120 días de prazo medio de pago a provedores aos 12,31 días na actualidade".

Concluíu Manuel Baltar afirmando que os orzamentos destes últimos anos "tiveron como directrices políticas as emanadas dos plans "Ourense 92" e "Ourense 15-19", e que terán continuidade no plan de mandato do período 2019-2023 co "Plan 7273", porque ese é o número de quilómetros cadrados do territorio ourensán, no que cremos e o cal defendemos".