Tres novos museos, dos ámbitos infantil, histórico e etnográfico impulsarán a dinamización do Casco Vello de Ourense
- O Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense tratou na reunión de hoxe levar a cabo no Casco Histórico os museos da "Roda de Afiar" e dos "Bolechas" e, e na antiga igrexa de San Francisco, o museo de "Arte Medieval".
- Manuel Baltar e Jesús Vázquez coincidiron en destacar a importancia de cooperar conxuntamente entre ámbalas dúas administracións e de seguir avanzando nesta liña de entendemento e colaboración institucional.
Ourense, 28 de novembro de 2016.- O Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense, determinou hoxe, na reunión que mantivo no Pazo Provincial, presidida polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a creación de tres novos museos dos ámbitos infantil, histórico e etnográfico, que contribuirán a impulsar a dinamización do Casco Vello da capital ourensá. En concreto, son os museos da "Roda de Afiar", o dos "Bolechas" e, na antiga igrexa de San Francisco, o museo de "Arte Medieval de Ourense".
Manuel Baltar e Jesús Vázquez coincidiron en destacar a importancia de cooperar conxuntamente entre ámbalas dúas administracións e de seguir avanzando nesta liña de entendemento e colaboración institucional. De feito, este Comité de cooperación permanente é un órgano único nas súas características no que atinxe á colaboración interinstitucional en España, e ten como obxectivo dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia, "pois a cooperación entre as dúas institucións debe ser o principal obxectivo, polo ben da cidadanía ourensá e dos servizos públicos que poñemos a disposición dos habitantes da nosa provincia", afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar.
A importancia desta colaboración reflíctese en exemplos como a participación do Concello de Ourense no Plan de Obras Provincial que desenvolve a Deputación, e mesmo na importante obra que se realizou na rúa Concejo da capital grazas ao apoio da Deputación de Ourense, que permite desbloquear a execución do Plan de Obras do Concello de Ourense e levar a cabo infraestruturas viarias e obras de accesibilidade e abastecemento por un importe de máis de 1,3 millóns de euros.
Manuel Baltar agradeceu a Jesús Vázquez a súa implicación no Comité de cooperación permanente "que na reunión de hoxe tratou temas relacionados coa realidade museística e co turismo no Casco Histórico, para situar en 2017 nesta contorna, no que antes se coñecía como a Casa da Maxia, o museo dos "Bolechas", relacionado coa infancia e coa protección e promoción da nosa lingua, instalación que sería un punto de atracción para Galicia e tamén para o Norte de Portugal, país onde estes personaxes infantís están a acadar tamén un grande éxito". Para a musealización deste espazo a Deputación de Ourense destina nos orzamentos de 2017 unha cantidade total de 200.000 euros, que constituirá un referente interactivo, innovador e novidoso para promover a lingua galega entre os máis novos.
O presidente provincial anunciou tamén a ubicación, na rúa Monterrei do Casco Vello, nun edificio propiedade da Deputación, do museo da "Roda de Afiar", "que ten en Florencio de Arboiro un singular embaixador e investigador, museo contemplado no Plan de mandato Ourense 15-19 e que precisa contar na capital cun espazo que permita realizar visitas didácticas de escolares, investigadores e público en xeral, para seguir poñendo en valor un símbolo senlleiro e característico da nosa identidade como provincia: a roda de afiar".
No que atinxe ao museo de "Arte Medieval", Baltar dixo que a Deputación de Ourense "está disposta a estudar calquera forma de colaboración, que pode implicar os ámbitos da xestión, os recursos humanos ou o desenvolvemento de guías e roteiros de ámbito provincial relacionados con este museo".
Pola súa banda, Jesús Vázquez explicou que esta colaboración conxunta "permite traballar en proxectos directos e tamén na proxección cara ao futuro". En concreo citou o importante avance acadado hoxe no que atinxe "á rede museística da cidade e da provincia, que constitúe un todo". O alcalde agradeceu ao presidente da Deputación "a súa sensiblidade co Casco Histórico, porque ese é o obxectivo que temos: seguir recuperando e dinamizando o Casco Vello da capital para atraer turistas e competitividade a esta contorna, e neste sentido, os museos do "Bolechas" e da "Roda de Afiar" son exemplos dese pulo que lle daremos ao Casco Histórico, aos que se lle suma o museo da "Arte Medieval", no que actualmente se está a traballar no ámbito arqueolóxico para elaborar o proxecto e sacalo a concurso, que se ubicará na igrexa de San Francisco, xunto co claustro e os edificios anexos, e que estará destinado a arte románica e gótica". Vázquez salientou que este espazo expositivo "vai a ser un referente único en Galicia para os nosos veciños e os turistas que nos visiten".
A partires de agora, técnicos da Deputación e do Concello de Ourense, participantes tamén na reunión de hoxe, serán os encargados de facer o seguimento destes acordos para presentar o seu estado de desenvolvemento na vindeira xuntanza, que terá lugar no primeiro trimestre de 2017.