A UE destina máis de dous millóns de euros a Ourense para emprego xuvenil no medio rural

Compartir

  • Esta iniciativa que levará a cabo a Deputación de Ourense ten como finalidade impulsar a creación de empresas por parte de xóvenes emprendedores nos 82 concellos "obxectivo reto demográfico" da provincia.

  • O Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo permitirá atender en Ourense 250 proxectos de autoemprego, cun financiamento de 2.025.000 euros, e nas próximas semanas a Deputación de Ourense publicará as bases reguladoras do Programa.

  • Manuel Baltar valora "moi satisfactoriamente" a noticia anque afirma que "sen sorpresa, xa que traballamos planificadamente para acadar obxectivos cara ao reto demográfico, como fixemos co proxecto Red.es, a candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial ou a xestión directa por parte das provincias de fondos da Unión Europea".

Ourense, 7 de abril de 2019.- A Unión Europea destina -por medio do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo- máis de dous millóns de euros á provincia de Ourense para iniciativas de emprego xuvenil no medio rural, un proxecto que levará a cabo a Deputación de Ourense e que ten como finalidade impulsar a creación de empresas por parte de xóvenes emprendedores nos 82 concellos "obxectivo reto demográfico" da provincia ourensá.

O Programa da UE permitirá atender en Ourense 250 proxectos de autoemprego, cun financiamento de 2.025.000 euros, e nas próximas semanas a Deputación de Ourense publicará as bases reguladoras do Programa, que abrirá o prazo de presentación de solicitudes.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, valora "moi satisfactoriamente" a noticia anque afirma que "sen sorpresa, xa que traballamos planificadamente para acadar obxectivos cara ao reto demográfico, como fixemos co proxecto Red.es, a candidatura da Ribeira Sacra ou a xestión directa por parte das provincias de fondos da Unión Europea". Baltar considera unha excelente nova "o feito de que 250 persoas poderán emprender no seu lugar de residencia", afirmando que este tipo de iniciativas "son as fan a un sentirse satisfeito de estar en política".

82 serán os concellos da provincia de Ourense que poderán beneficiarse deste programa europeo que destina fondos para o reto demográfico, "algo que non é froito da casualidade –afirma Manuel Baltar-, senón que amosa a capacidade do goberno provincial e o gran potencial de Ourense, que vive nestes momentos unha gran época, coa próxima chegada da Alta Velocidade, o turismo termal, o Xacobeo, a candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial da UNESCO ou os 100 anos da Xeración Nós. Son só uns exemplos, e a Deputación de Ourense lidera esa visión", remarca Baltar.

Este financiamento acadado para proxectos da mocidade no rural ourensán foi aprobado na primeira convocatoria de fondos europeos para o reto demográfico realizada polo Goberno de España, lanzada o pasado 6 de outubro, e que se resolveu esta mesma semana. A convocatoria, financiada no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (FSE), para el período 2014-2020, asigna a Ourense un total 2.025.000 euros, dos 80 millóns de orzamento destinado para toda España.

Para acceder agora a este financiamento para o autoemprego os requisitos pasan por non formar parte dunha "grande área urbana", dentro das delimitadas no Atlas Estatístico das Áreas Urbanas de España do Ministerio de Fomento; ter unha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes; ou entre 5.001 e 10.000 e cun saldo demográfico negativo na última década. Desta maneira, na provincia de Ourense hai 82 concellos "elixibles" para estas axudas do FSE, un 89% dos concellos ourensáns, o que inclúe a 127.160 persoas da provincia (o 40,81% do total).

O obxectivo do plan é afrontar o reto demográfico a través de mozos emprendedores que se establezan nos concellos máis rurais da provincia. A solicitude realizada pola Deputación de Ourense respondeu así aos criterios que se recollían na convocatoria. Para desenvolver o proxecto, a Deputación porá en marcha un Punto de atención ao emprendedor (PAE-reto demográfico), en convenio co Ministerio de Industria, no que se atenderá ao emprendedor en cada concello, desprazándose así a administración provincial ao territorio e non o cidadán á administración, co que a realización de trámites permitirá a creación de empresas en só 48 horas.

As persoas beneficiarias do proxecto terán unha "axuda-soldo" de 675 euros mensuais da Deputación durante un ano, como apoio para a fase inicial dos seus proxectos de autoemprego. A axuda económica outorgarse en función dos meses de permanencia de alta como emprendedor, e para ter dereito á mesma é necesario estar un mínimo de seis meses de alta e un máximo de 12.

Os destinatarios serán persoas de entre 16 y 30 años de idade, que no estean ocupadas nin integradas nos sistemas de educación e formación, independentemente do seu nivel formativo, e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Deberán residir durante a vixencia da axuda no municipio "elixible" e poderán participar os xa residentes ou os que retornen ou se instalen neses concellos.