Últimos días para presentar traballos ao XXIX Premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo"

Compartir

  • O prazo remata o vindeiro 18 de marzo e a dotación do galardón, que convoca a Deputación de Ourense, é de 3.000 euros.

Ourense, 28 de febreiro de 2019.- O vindeiro 18 de marzo remata o prazo para presentar traballos para o XXIX Premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", un galardón que convoca a Deputación de Ourense para premiar o mellor traballo xornalístico –escrito, gráfico, audiovisual ou dixital- publicado nun medio de comunicación galego ou noutro medio -co traballo referido a Galicia-, entre o día 1 de xaneiro de 2018 e o día 31 de decembro do mesmo ano.

O premio, instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade, consiste nun único galardón e a dotación é de 3.000 euros.

Poden optar ao premio os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades. As propostas poderán ser presentadas, indistintamente, polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.

As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias da páxina ou páxinas en que foron difundidas, se son publicacións impresas. No caso de traballos dixitais presentaranse seis copias de capturas de pantalla ou seis copias do texto, nos dous casos con certificado do responsable do medio facendo constar a data de publicación, así como a dirección da páxina web na que figura o traballo. Se se trata de traballos audiovisuais, presentaranse seis copias en CD, DVD ou lapis dixital, segundo os casos. Se os traballos se publicaron sen se asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome/s do/s autor/es. Independentemente da persoa que presenta a proposta, esta deberá vir acompañada igualmente dun breve currículo vitae do autor ou autores que opten ao premio.

Os traballos remitiránselle á Deputación de Ourense, rúa Progreso, 32, baixo o epígrafe de XXIX Premio de periodismo "Xosé Aurelio Carracedo".

O xurado estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais, formarán parte do xurado: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE); un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, sendo o secretario do xurado, con voz pero sen voto, o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

O acto de entrega do premio será o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.