Un curso conmemora os 40 anos da Constitución

Compartir

Ourense, 26 de novembro de 2018.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, inaugurou hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", xunto ao director da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) de Galicia, Jaime Rodríguez-Arana, e o director do Encontro, Raúl Canosa, o curso "Os 40 anos da Constitución", que se celebra hoxe e mañá en Ourense. Rosendo Fernández dixo que esta xornada formativa é "froito dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a UIMP, que pon en valor a Constitución, "aprobada hai 40 anos por consenso, outorgándonos e un proxecto común para España". Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que a Deputación de Ourense leva "cinco anos a celebrar o Premio Estatuto de Autonomía, un certame dirixido aos ourensáns máis mozos para que falen do Estatuto que emana da Constitución".

Durante estes dous días, os participantes no curso -responsables institucionais, profesionais e técnicos da administración local- terán a oportunidade de afondar en cuestións como a reforma constitucional, o funcionamento do sistema electoral, a evolución e desenvolvemento do Estado autonómico e os dereitos fundamentais, entre outras temáticas, da man de profesionais nacionais de recoñecido prestixio e profesores universitarios que achegarán unha visión ampla e integral sobre esta materia.