Un estudo da Deputación de Ourense permitirá mellorar o tráfico, a seguridade e a calidade das vías provinciais

Compartir

Manuel Baltar presentou cos responsables de Vías e Obras e Infraestruturas a Memoria de velocidades e aforos das estradas de propiedade provincial.

Mellorar a seguridade vial, o tráfico e a calidade das vías de comunicación. Ese é o obxectivo que se marca a "Memoria de velocidades e aforos das estradas provinciais" elaborada por técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense –no marco do Plan Ourense 92-, que se presentou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da institución provincial.

En total, a provincia de Ourense conta con 1.840 quilómetros de estradas de titularidade da Deputación "unha ampla rede de comunicación que temos a obriga de manter con altos parámetros de calidade e seguridade", explicou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, na presentación do estudo. Con el estaban Manuel Rodríguez-Portugal, director da Área de Infraestruturas da Deputación, e José Manuel González, xefe de servizo de Vías e Obras, quen detallaron os puntos máis salientables da memoria.

Baltar dixo que o estudo desta memoria vai permitir seguir poñendo en marcha medidas que melloren a seguridade viaria, o que unido á coordinación que mantén a Deputación de Ourense coa Dirección Xeral de Tráfico e outros organismos relacionados coa seguridade vial, vai permitir intensificar e desenvolver novos proxectos que contribúan a mellorar as condicións das estradas na nosa provincia".

O presidente provincial dixo que esta é tamén unha materia "na que a cooperación entre Deputación e concellos seguirá incrementándose", e destacou o feito de que o 65% das estrada da provincia de Ourense sexan de titularidade municipal.

O estudo reflicte que a Deputación de Ourense é titular de 260 estradas, cunha lonxitude total de 1.840 quilómetros, distribuídas en 12 comarcas. Na comarca de Ourense, coa maior densidade de estradas, existen 44 vías provincias cunha lonxitude total de 303.433 metros. No polo oposto está a comarca de Viana con 11 estradas e 87.627 metros.

A Deputación de Ourense, trala aprobación inicial desta nova relación, remitirá este documento a Xunta de Galicia para que Consello da Xunta realice a súa preceptiva aprobación definitiva, tralo cal a información poderá consultarse na web da Deputación de Ourense e permitirá aos cidadáns achegarse á información de todas as estradas e mesmo poderá presentar suxestións e reclamacións, de ser o caso.

"Queremos que este sexa un instrumento máis para achegar a información da Deputación aos cidadáns, nunha política de cercanía cos veciños dos concellos da provincia de Ourense, neste e en todos os temas que sexan de interese social", afirmou Manuel Baltar.

Memoria de Velocidade

Tamén presentaron os técnicos a memoria de velocidades, que permite un mellor coñecemento das características do tráfico que circula polas vías provinciais. Neste caso, o estudo levouse a cabo este ano en 254 treitos de estradas da Deputación de Ourense para determinar a velocidade media e o percentil 85 da velocidade.

Está información permite sinalar as zonas de maior perigo potencial; aquelas onde se aconsella a instalación de elementos redutores de velocidade; realizar informes motivados nas reclamacións patrimoniais, e elaborar estudos de capacidade.

Finalmente, presentouse a Memoria de tráficos do ano 2011, para o cal se contaron os vehículos que circularon por 349 seccións de estradas (é a primeira vez que se afora un número tan elevado de seccións). Deste xeito puidéronse coñecer as intensidades medias de circulación e o tipo de vehículo que circulaba polas estradas (lixeiros ou pesados). Esta información é importante para a xestión da rede, o deseño das interseccións, a determinación do tipo de firme a empregar, a necesidade de realización de estudios de nivel de ruído e o estudio dos treitos de concentración de accidentes.

Outras actuacións que ten en marcha a Deputación de Ourense neste ámbito refírense á elaboración de inventarios de estradas municipais, para así coñecer a rede dependente dos concellos, e está en marcha a realización de estudos de seguridade vial na rede provincial. Neste senso, preténdese colaborar con outras administracións na labor informativa e de concienciación dos usuarios das estradas.