Un grupo da Bretaña francesa, do irmandamento Quimper-Ourense, visita o Pazo Provincial
Ourense, 9 de abril de 2019.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, recibiu hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a un grupo da Bretaña francesa que forma parte do irmandamento Quimper-Ourense que existe desde hai catorce anos e que promove os intercambios culturais entre os dous territorios. Nesta ocasión, un grupo de Quimper, integrado por dezaseis persoas de entre 60 e 72 anos, está a percorrer a provincia de Ourense.
Durante estes días, os veciños da Bretaña francesa coñecerán, ademais dos atractivos turísticos naturais e patrimoniais de Ourense, a gastronomía, o termalismo e a moda ourensá, visitando lugares emblemáticos do noso territorio como a Ribeira Sacra, elixida candidata de España para Patrimonio Mundial da UNESCO.
No 2018 foi a Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", quen visitou a Bretaña Francesa, participando na Semana de Galicia, onde desenvolveu diferentes actividades centradas na posta en valor do patrimonio etnográfico, cultural e turístico da provincia de Ourense, así como en dar a coñecer o traballo que realiza este centro da Deputación de Ourense na recuperación, conservación e difusión da cultura popular e tradicional do noso país. O Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo" expuxo en Quimper catro mostras centradas: na Ribeira Sacra, no Entroido da provincia, no traxe tradicional galego e "unha exposición con 60 libros sobre a nosa cultura que quedou alí para instalar a biblioteca de Ourense en Quimper", explicou Lito Prado, do CCP Xaquín Lorenzo, quen acompañou a este grupo de Quimper na visita á Deputación de Ourense.