Un investimento de máis de 5 millóns de euros destinarase a eliminar os vertidos contaminantes no río Barbaña

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense e o da Confederación Hidrográfica Miño-Sil acordaron a realización de actuacións medioambientais conxuntas de ambas entidades.

Manuel Baltar considera a política medioambiental unha área "estratéxica e de máxima importancia" sinaladamente en provincias onde o peso do medio rural é preponderante, económica e socialmente. Un investimento superior aos cinco millóns de euros destinarase á eliminación dos vertidos contaminantes ao río Barbaña e á posta en marcha de iniciativas de prevención e control de verteduras. Así o acordaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial para analizar a situación actual das cuncas dos principais ríos da provincia, na que Baltar destacou que a política medioambiental "é un área estratéxica e de máxima importancia sinaladamente en provincias onde o peso do medio rural é preponderante, económica e socialmente. 

Ámbolos dous dirixentes acordaron estender a colaboración das dúas administracións para realizar accións conxuntas "que potencien e intensifiquen os programas de protección medioambiental dos ríos, para seguir mellorando os niveis da calidade da auga dos fluviais da provincia de Ourense", explicou Manuel Baltar.

O presidente provincial afirma que a colaboración de todas as administracións –local, autonómica e estatal- "debe ser unha prioridade en materia medioambiental, pois o escenario do futuro non é outro”. Desta maneira, Baltar e Marín determinaron actuar sobre materias "tan sensibles e importantes" como o saneamento e a depuración de augas, e para elo promoverán unha reprogramación de fondos para eliminar os vertidos no río Barbaña, procedentes das áreas industriais de Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Barreiros, cun investimento superior aos cinco millóns de euros.

Tamén puxeron sobre a mesa a situación e as medidas que levarán a cabo as administracións para afrontar a problemática no encoro das Conchas, feito que será obxecto dunha próxima reunión -neste mesmo mes- na Subdelegación do Goberno en Ourense, xuntanza á que tamén asistirán os alcaldes dos concellos implicados, para analizar polo miúdo este asunto que afecta ás augas do río Limia e ao encoro das Conchas.

"Fusión" de concellos a través dos servizos

Baltar e Marín analizaron ás actividades dos dous organismos en materia medioambiental e ás experiencias pioneiras que a Deputación de Ourense está a levar a cabo "promovendo a intermunicipalidade e a prestación conxunta de servizos aos concellos" en temas como a recollida de lixo, o saneamento e depuración das augas, programas nos que a institución provincial "fusionou" servizos para máis de 50 concellos da provincia, unha fórmula á que hai que sumar a transformación da biomasa, coa posta en marcha dos centros para xestionar os residuos forestais, e a xestión de tributos. Unha liña de actuación esta que se verá incrementada no Plan Estratéxico da institución, promovido por Manuel Baltar.

Precisamente no eido medioambiental destaca especialmente que na actualidade máis da metade dos concellos de Ourense xa se benefician dun servizo gratuíto de saneamento que ofrece a Deputación provincial e que permite aos municipios ourensáns un considerable aforro no ámbito de augas e o saneamento.

Neste sentido, o Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense presta servizos gratuítos a 47 concellos, sendo os máis demandados a limpeza de fosas sépticas, baleirado e transporte de lodos, seguidos da limpeza e desatasco de redes de sumidoiros, e a busca e detección de fugas en redes de abastecemento. Isto, unido as inspeccións e visionado de redes de sumidoiros mediante circuíto pechado de televisión, conforma unha completa xestión en materia de saneamento por parte do ente provincial.

Este servizo de asistencia e cooperación cos concellos no que a Deputación de Ourense é pioneira, ven prestándose desde 1996 e supón o xerme da actual batería de accións de cooperación e asistencia nos servizos do ciclo integral da auga que presta a institución aos concellos da provincia.

Baltar tamén lle expuxo a Francisco Marín os avances que se están a realizar no servizo de abastecemento ao Polígono de San Cibrao e aos concellos limítrofes, por medio dun sistema de abastecemento propiedade da Deputación de Ourense e xestionado por Aquagest. Ata o de agora, dábase servizo de auga potable en alta inicialmente só ao polígono de San Cibrao, pero agora este servizo esténdese a case todo o termo municipal de San Cibrao das Viñas e aos concellos de Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Ourense (As Curruxeiras), Barbadás e Toén, co que a poboación beneficiaria do servizo ascende a máis de 25.000 habitantes dos concellos da contorna da capital.

O presidente provincial subliña que a Deputación de Ourense "pon o acento na excelencia e na eficacia da xestión da auga, porque sendo un ben de primeira necesidade, temos a obriga de que todo o ciclo teña un exhaustivo control, para que a calidade e a prestación do servizo sexa óptima para os cidadáns", afirma Manuel Baltar.