Un libro analiza a vulnerabilidade en épocas de crise e o valor do traballo na sociedade

Compartir

  • A obra, en cuxa edición colabora a Deputación de Ourense, estuda aspectos formativos e laborais da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Ourense, 2 de marzo de 2018.- O libro Vulnerabilidade, formación para o traballo, orientación e comunidade na eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, no que colabora a Deputación de Ourense, analiza o valor do traballo a as debilidades que se presentan no ámbito laboral en épocas de crise. A publicación foi presentada hoxe no Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e polos coordinadores do libro, o director do Grupo de Investigación GEFIL (Grupo Galego de Estudos para a Formación e Inserción Laboral) da Universidade de Santiago, Antonio Florencio Rial; e a profesora da USC e investigadora, Margarita Valcarce.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que esta publicación é o resultado "dunha selección de achegas por parte de investigadores das Ciencias Sociais de Galicia e Portugal", destacando que o libro realiza unha "aproximación á realidade das cuestións da eurorrexión, destacando os ámbitos económico e laboral".

Margarita Valcarce explicou que o tema central do libro é a "vulnerabilidade, que aumenta nos momentos de crise económica, polo papel preponderante que ten o valor do traballo nas nosas sociedades". Neste sentido, entende que a orientación e a formación "son esenciais para reverter os efectos da vulnerabilidade e impedir que as persoas entren en escenarios máis complicados como poder ser a exclusión social". O libro está organizado en tres apartados: a orientación, a formación e a comunidade. "Trátase dunha publicación que abre novas reflexións para os profesionais que traballan nestas cuestións e necesitan enriquecer a súa práctica", afirmou Margarita Valcarce.

Pola súa parte, o director do Grupo de Investigación GEFIL agradeceu á Deputación de Ourense o apoio para a publicación do libro, "que recolle aspectos da formación profesional e a formación para o traballo".