Un OUFF Escola de récord entrega os seus premios

Compartir

  • A IX edición contou con 102 traballos á concurso.

  • Os premios estiveron moi repartidos entre un público cheo de ilusión entre eles O IES Xesús Taboada Chivite (Verín).

Ourense, 3 de decembro.- O OUFF Escola celebrou este luns a súa entrega de premios no Auditorio Municipal de Ourense, na que é a novena edición deste concurso. O actor Fernando González, foi o encargado de presentar o acto nunha sala chea de público novo e ilusionado.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacou na gala que o importante deste concurso "son os rapaces porque eles son o futuro. Queremos que amedes o cinema e, para iso, hai que coñecelo". Simone Saibene, membro do xurado, quixo "destacar a orixinalidade e calidade dos traballos presentados. Foi un traballo moi duro o de escoller".

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que agradeceu á Deputación, á Fundación Carlos Velo e á Xunta de Galicia o esforzo para sacar adiante esta edición do OUFF, animou aos rapaces a "seguir facendo cine pero tamén a que vaiades a velo nas salas".

Os galardóns desta edición foron:

- Mencións especiais:

Centro de Educación Especial Infanta Elena

CEIP Os Ponzos de Ferrol

IES As Barxas

IES Poeta Díaz Castro

IES Xesús Taboada Chivite (Verín)

- Mellor guión, na categoría de Infantil ou Primaria: "Na Corredoira", CEIP Tenorio.

- Mellor guión, niveis de ensino non universitario: "Entre o río e o mar", IES Breamo

- 2º Premio, na categoría de Infantil ou Primaria: "O conto da muiñeira", CEIP Nosa Señora dos Nomes.

- 2º Premio, niveis de ensino non universitario: "Chico, o cabalo", IES As Barxas

- 1º Premio, na categoría de Infantil ou Primaria: "Mareas Vivas", Colexio Sagrado Corazón de Placeres

- 1º Premio, niveis de ensino non universitario: "O Preguiceiro", IES Alfoz Valadouro

O OUFF Escola, que este ano celebra a súa novena edición, bateu todo tipo de récords con 102 inscritos, 30 máis que o ano pasado. 18 dos traballos proceden da provincia de Ourense, 36 de A Coruña, 37 de Pontevedra e 11 da provincia de Lugo.

O OUFF Escola, organizado polo Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, conocer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.