Un "plan renove" da lousa permitirá renovar os tellados de pizarra e acadar melloras enerxéticas
Destinaranse máis de 1,6 millóns de euros para melloras de cubertas en vivendas de particulares e comunidades de propietarios. Manuel Baltar, e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, reuníronse para analizar a situación industrial na provincia de Ourense e en especial no sector da lousa.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, mantiveron unha reunión no Pazo Provincial para analizar a situación industrial na provincia de Ourense, en especial, no que atinxe ao sector da lousa, un dos máis destacados de Galicia no eido da exportación.
Baltar e Tahoces falaron sinaladamente da iniciativa que a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas prevé poñer en marcha antes de final de ano: unha orde na que se establece a concesión de subvencións para a renovación de cubertas de pizarra, "un "plan renove" que favorecerá a modernización de tellados e permitirá acadar melloras significativas na demanda enerxética dos edificios, cos conseguintes aforros en termos económicos, e que tamén contribuirá a potenciar este sector estratéxico para a comarca de Valdeorras", explicou Manuel Baltar.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, e a actuación subvencionable será a renovación de cubertas de vivendas ou edificios existentes, por unha cuberta de pizarra, unha renovación que terá que cumprir as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación.
O director xeral de Industria, Enerxía e Minas expúxolle a Manuel Baltar os detalles desta iniciativa, que contará cun orzamento de 1.680.642 euros. O custo subvencionable máximo será de 70 € por m2 de cuberta e a contía da subvención será do 40% dos custos totais subvencionables (IVE incluído, cando tal imposto sexa subvencionable).
Poderán ser beneficiarios destas subvencións os particulares ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable descrita se realice en vivendas ou edificios de vivenda colectiva da súa titularidade, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.