Unha conferencia analiza a faceta musical de Leonardo da Vinci

Compartir

Ourense, 11 de febreiro de 2020.- O maestro organero Joaquín Saura e o músico Luis Delgado ofreceron unha conferencia sobre a faceta musical do polifacético Leonardo da Vinci, probablemente a faceta menos coñecida do xenio do Renacemento Italiano. Na conferencia amosáronse os aspectos fundamentais desta materia apoiándose na mostra "Leonardo, o músico" exposta no centro cultural "Marcos Valcárcel" ata o día 23 de febreiro.

Esta actividade, complementaria á exposición anteriormente citada, dividiuse en dúas partes: na primeira analizouse a vida e a actividade de Leonardo como músico, investigador e organólogo, e na segunda abordouse sobre as pezas que se exhiben, mostrando, explicando e desenvolvendo as imaxes nas que se basea a propia exposición. A conferencia foi unha oportunidade única de compartir as investigacións que estes dous músicos levan a realizar durante décadas sobre unha das personalidades máis atractivas e polifacéticas do Renacemento.