A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, asiste á visita ao novo albergue de Piñor no que a Xunta vén de invertir máis dun millón de euros

Compartir

Piñor, 25 de agosto de 2023.- O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá a unha visita, na que estivo acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa; así como polos alcaldes de Piñor e de Cea, José Luis González e José Luis Valladares, respectivamente; e polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ás obras do novo albergue público co que contará o municipio ourensán de Piñor.

Ditas instalacións, nas que o Goberno galego investiu máis dun millón de euros, contarán con zonas comúns e de dormitorios, aseos, cociña e, de xeito novidoso, con cortes para todos aqueles camiñantes que deciden facer o Camiño a cabalo. "Nas rutas máis novas, as que máis teñen que medrar, é necesario un primeiro empurrón desde o público e é o que facemos con este albergue", asegurou Rueda en relación á necesidade de poñer unha infraestrutura a disposición dos peregrinos que cada vez con máis afluencia escollen a Vía da Prata e descentralizan as diferentes vías que existen para chegar a Santiago.