A vicepresidenta primeira da Deputación participa na entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal

Compartir

Ourense, 21 de novembro de 2023.- A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, participou hoxe na entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal que concede a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense que recoñecen os mellores traballos de fin de grao do seu alumnado.

Estes premios deben ser "o comezo dunha nova andaina", sinalou Marta Nóvoa, quen animou ao alumnado a emprender "no noso rural" co apoio da Deputación de Ourense a través do proxecto EmprendOU, que trata de fomentar o emprendemento entre a mocidade ourensá nos municipios rurais de reto demográfico.

A vicepresidenta da Deputación destacou "o acertado nome" que levan estes recoñecementos porque reflexan á perfección "o espírito emprendendor que tanto representa a nosa provincia, honrando a memoria de quen foi capaz de levar ata o máis alto do mundo empresarial o nome de Ourense".

Previa á entrega, a enxeñeira industrial e responsable do negocio de hostalaría "La Zapatería del Abuelo", Beatriz Alcalá, expuxo unha conferencia sobre un modelo hostaleiro pioneiro en Ourense: a táctica e estratexia a seguir para un turismo sostible e de calidade. No acto participaron a decana da Facultade, Montserrat Cruz; a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa; e a responsable do departamento de Recursos Humanos do Grupo Hotusa, Pilar García.