A vicepresidenta primeira da Deputación participa na entrega dos XII Premios AJE Ourense

Compartir

San Cibrao das Viñas, 17 de novembro de 2023.- A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, participou hoxe en San Cibrao das Viñas, no acto de entrega dos XII Premios AJE Ourense que recoñecen a excelencia empresaria en categorías que abranguen desde a actividade empresarial, a innovación e a sustentabilidade ata o emprendemento e a responsabilidade social corporativa.

Marta Nóvoa trasladoulles en nome da Deputación de Ourense o compromiso do goberno provincial co "tecido empresarial da nosa provincia, responsable de xerar riqueza e crear emprego, tarefas fundamentais para manter vivos os nosos territorios". Agradeceu o traballo que realizan a diario todos eles afirmando que son, en boa medida, "os encargados de escribir as novas páxinas da historia de Ourense" e salientou que "a nosa provincia pode sentirse orgullosa de contar cunha brillante canteira emprendedora".

A vicepresidenta do goberno provincial felicitou á Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense polo "gran traballo" que realiza fomentando o emprendemento e a creación de emprego na provincia, "velando polos intereses das empresas xestionadas por mozos que atopan na vosa entidade, o apoio necesario en materia de formación, información e asesoramento empresarial". Este tipo de recoñecementos contribúen a "promover a que outras persoas se animen a facer realidade a súa idea de negocio, demostrándolles que aínda que o camiño non é doado, é posible", engadiu Marta Nóvoa.