A vicepresidenta primeira recibe na Chavasqueira aos participantes do encontro sobre xestión de augas termais e enerxías renovables que coordina a Deputación

Compartir

O evento está coordinado pola Deputación de Ourense, que actúa como anfitrioa principal no marco do proxecto europeo ThermEcoWat, financiado polo programa Interreg Sudoe 2021–2027

Ourense, 21 de outubro de 2025.

Durante estes próximos días, a provincia de Ourense acolle o Workshop ThermEcoWat Ourense–Laias, un encontro transnacional que reune a científicos, representantes públicos e técnicos especializados na xestión de augas termais e enerxías renovables.

O evento está coordinado pola Deputación de Ourense, que actúa como anfitrioa principal no marco do proxecto europeo ThermEcoWat, financiado polo programa Interreg Sudoe 2021–2027.

A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, recibiu hoxe na Chavasqueira aos integrantes deste encontro internacional con expertos de España, Francia e Portugal e coñeceu avances das conclusións do encontro, que contribuirán a deseñar novas ferramentas de gobernanza colaborativa, capaces de anticipar os efectos do cambio climático e de impulsar o uso sustentable dos recursos termais nas pequenas comunidades do suroeste europeo.

ThermEcoWat céntrase na preservación do patrimonio termal do suroeste europeo e no desenvolvemento de estratexias de adaptación ao cambio climático. O consorcio internacional do proxecto está formado por institucións de referencia como o Bureau de Recherches Géologiques et Minières (BRGM) e Thermauvergne (Francia), o Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya (ICGC), o Centro Nacional IGME-CSIC, a Universidade de Vigo, o Ajuntament de Caldes de Montbui e as Termas de São Pedro do Sul (Portugal), entre outras.