Vintecinco empresas e servizos do Destino SICTED “Ourense Termal” reciben o distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”
Ourense, 27 de xuño de 2023.- A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organizou hoxe o acto de entrega dos diplomas e placas de "Compromiso de Calidade Turística" ás 25 empresas e entidades da provincia, despois de que o Comité Nacional do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) concedéselles este distintivo ás iniciativas públicas e privadas que realizaron a formación e superaron a avaliación para este recoñecemento. Esta actuación está incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en "Ourense Termal" froito do convenio de colaboración que existe entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo
Os servizos distinguidos hoxe, no acto celebrado na adega Cuñas Davia -un dos que logrou esta certificación que está situado no Ribeiro-, son aloxamentos, centros de interpretación, balnearios, hostalería, club náutico, adegas, museos, salas de exposición ou servizos de benestar que se atopan no ámbito de actuación do devandito plan que inclúe aos 15 municipios termais rurais da provincia.
Na entrega de distincións participaron, entre outros, o vicepresidente primeiro da Deputación e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, a xefa da dependencia de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno en Ourense en representación da Secretaría de Estado de Turismo, Mar Martínez; o delegado territorial da Xunta en Ourense en representación da Axencia de Turismo de Galicia, Gabriel Alén; a xerente do Inorde e xerente do Plan de Sustentabilidade Turística en "Ourense Termal", Emma González; alcaldes e alcaldesas dos municipios que integran o Plan; así como membros da Mesa de Calidade do Destino SICTED "Ourense Termal", -órgano de representación do Plan-.