Visitas teatralizadas para poñer en valor o Camiño de Santiago e o seu patrimonio

Compartir

  • A Deputación de Ourense colabora con este proxecto que se desenvolverá no Mosteiro de Xunqueira de Ambía, no Casco Vello de Ourense e no Pazo de Vilamarín, do 7 de decembro ao 18 de abril.

Ourense, 22 de novembro de 2019.- A Deputación de Ourense colabora co proxecto "Un camiño de historias, teatralizacións no camiño", unha iniciativa novidosa coa que se pretende "poñer en valor o Camiño de Santiago e o patrimonio que xira entorno a el, conxugando varios aspectos que teñen como eixe central o Camiño, como a dinamización, coñecemento e tratamento diferenciador do patrimonio cultural, arquitectónico e natural do conxunto de Galicia e en particular da Vía da Prata", explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste proxecto hoxe no Pazo Provincial.

Na presentación desta iniciativa tamén participou o concelleiro de Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información do Concello de Ourense, Manuel Álvarez; o alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes; a primeira tenente de alcalde de Vilamarín, Marina Rodríguez; o organizador, José Novoa; e a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, Sandra Quintas.

As visitas realizaranse en base a un guión documentado, veraz con datos históricos contrastados, ameno e ao mesmo tempo educativo e con toques de humor, transportando aos asistentes a outra época. José Novoa explicou que esta actividade "englobada no Xacobeo 2021 foi, para a nosa asociación cultural Platea Lúa, a idea para poñer en valor o patrimonio e o Camiño dunha maneira diferente con teatralizacións en tres localizacións distintas pero que teñen en común o Camiño. Todo elo cun guión documentado pero con trazos de humor e presentado por persoeiros que viviron ou pasearon por estes sitios".

En canto as localizacións nas que se realizarán as visitas teatralizadas, escollidas pola proximidade ao Camiño e dentro de concellos polos que discorre a Vía da Prata, son as seguintes: o Mosteiro de Xunqueira de Ambía, o Casco Vello de Ourense e o Pazo de Vilamarín. As visitas desenvolveranse do 7 de decembro ao 18 de abril.

Sandra Quintas destacou a importante cantidade de actividades que se están a levar a cabo para "exaltar as rutas xacobeas" con numerosas propostas que parten da sociedade. Ademais, a xefa territorial dixo que o Ano Santo ten como obxectivos lograr que sexa "un proxecto colaborativo e participativo de todos, descentralizado con actividades fóra das sete grandes cidades galegas e que afonde na desestacionalización do Xacobeo para que Galicia sexa un destino aberto os 365 días do ano".