Xornada de "portas abertas" no Pazo Provincial

Compartir

  • Manuel Baltar participou esta mañá na tradicional visita que realizan os cidadáns ás instalacións da Deputación de Ourense, acto que se enmarca nas actividades da "6ª Semana Escolar da Provincia".

  • Ademais do percorrido polo despacho do presidente, a sala de xuntas e a galería literaria e de expresidentes, a novidade deste ano foi a visita á antiga biblioteca da Deputación, nos baixos do Pazo Provincial, que acolle estes días as cinzas do galeguista Rodolfo Prada Chamochín.

  • No percorrido, Manuel Baltar explicou aos visitantes aspectos funcionais, arquitectónicos, artísticos e culturais da institución provincial.

Ourense, 1 de decembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na tradicional xornada de portas abertas que cada ano organiza a institución provincial, no marco das actividades da Semana Escolar da Provincia, co obxectivo de seguir achegando "un maior coñecemento da nosa provincia e do goberno provincial ao ámbito educativo e á cidadanía da nosa provincia", expresou Baltar na recepción que tivo lugar esta mañá.

Este ano, ademais do percorrido polo despacho do presidente, a sala de xuntas e a galería literaria "Voces da Ourensanía" e a de expresidentes, a novidade foi a visita á antiga biblioteca da Deputación de Ourense, nos baixos do Pazo Provincial, que acolle estes días as cinzas do galeguista Rodolfo Prada Chamochín, un percorrido no que Manuel Baltar explicou aos visitantes aspectos funcionais, arquitectónicos, artísticos e culturais da institución provincial, así como a evolución do Pazo Provincial, o histórico edificio que alberga a Deputación.

"A finalidade desta xornada -dixo Baltar- é que os veciños visiten a institución provincial, que é a súa, favorecendo así o carácter de proximidade e interactividade que sempre debe presidir a relación dos gobernantes coa cidadanía". Nas visitas guiadas ao Pazo Provincial os visitantes recibiron un tríptico referido ao día de "portas abertas" con información dos edificios máis emblemáticos da Deputación de Ourense: o Pazo Provincial, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o Pazo dos Deportes "Paco Paz", o Teatro Principal, o edificio do Inorde, o mosteiro de Rocas e o Pazo de Vilamarín, e no que se citan tamén outras instalacións de que dispón á Deputación dedicadas á cultura, como son os museos de Cornamusas, o "Moncho Borrajo", o do Traxe Tradicional, e o "Estanislao Reverter"; así como as escolas de Gaitas e de Artes e Oficios; o Obradoiro de instrumentos populares; o Centro de Cultura "Xaquín Lorenzo", e os centro de desenvolvemento Agrogandeiro e Agroforestal.

Os visitantes recibiron tamén a publicación que este año edita a Deputación sobre a "Semana Escolar na Provincia", dedicada á presenza sueva na Gallaecia, o libro-manual Crónica do Regnum Sueborum, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Ana Costas. Nesta 6ª Semana Escolar da Provincia, organizada pola Deputación de Ourense, participan máis de 8.800 alumnos de ESO e 6º de Primaria e profesores, de 63 centros educativos. As actividades da Semana rematarán o vindeiro 5 de decembro co pleno infantil que realizarán no Pazo Provincial alumnos do colexio Maristas de Ourense.