Xosé Luís Méndez Ferrín, premio Otero Pedrayo
- O xurado, reunido hoxe en Ourense, deu a coñecer o fallo deste galardón, que conceden as catro deputacións galegas co apoio da Xunta de Galicia, co que se recoñece neste caso "a traxectoria dun dos grandes intelectuais galegos contemporáneos".
O xurado do Premio Otero Pedrayo 2012 acordou hoxe en Ourense conceder o galardón desta edición ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. A proposta, realizada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi referendada por maioría e destaca a obra deste intelectual galego, culta e con vocación universalista, que incorpora diferentes tradicións e bebe en fontes varias: dende a canteira popular aos modelos clásicos e as vangardas. O xurado subliña que Méndez Ferrín, ao longo da súa rica biografía literaria, destacou como poeta, narrador, novelista e ensaísta, e ten demostrado rigor e compromiso abondo para iluminar unha paisaxe propia e fermosa, múltiple e posta ao día.
A proposta de Manuel Baltar para a candidatura ao premio argumenta que a de Ferrín é unha vida "ateigada de renuncias persoais e de decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis inmediato por mor dun compromiso persoal, intelectual, político e social co seu pobo nuns tempos nos que a loita pola democracia e pola liberdade levaban emparellados tantos custes persoais".
Entre os datos que avalan o merecemento ao premio destaca o xurado as achegas de Méndez Ferrín nos eidos da docencia, da literatura, do xornalismo, na difusión exterior da literatura galega (foi candidato ao Nobel pola literatura galega), e no eido da política e do seu compromiso coa clase traballadora.
O Premio Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia. O premio e de carácter rotatorio e na súa edición de 2012 correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense. O xurado deste ano estivo integrado por representantes da Xunta e Galicia, das catro deputacións galegas, das tres universidades galegas, un representante da RAG, outro do Instituto Padre Sarmiento, ademais de cinco persoas independentes designadas pola Xunta, de solvencia científica e literaria.